Achegámonos ao 15-N, cando se cumprirán 81 anos da constitución do Consello de Galiza en Montevideo, como órgano fideicomisario da vontade democrática galega expresada na aprobación plebiscitaria de 1936 por unha abafante maioría (case un millón nun electorado dun millón trescentas mil persoas) do noso primeiro Estatuto. Consello de Galiza presidido dende a súa constitución por Castelao e que permitiu que o Estatuto fose aprobado polas Cortes de México de 1945 (vontade só condicionada á efectiva liberación do territorio daquela ocupado polo réxime de feito franquista), que Castelao fose nomeado ministro representante de Galicia (non do Partido Galeguista nin da Fronte Popular) no Goberno Giral de París (marzo 1946-abril 1947) e que Galicia fose recoñecida como nacionalidade, canda Cataluña e Euskadi, con acceso directo ao nível superior de autogoberno, na vixente Constitución de 1978. Velaí que nos teñamos referido a Castelao, en informe xurídico requirido polo Partido Galeguista e polas principais entidades da emigración riopratense, como presidente fideicomisario ou protopresidente.
E cumprirase o primeiro aniversario do recoñecemento parlamentario de Castelao como presidente do Consello da Galiza, no decurso dun acto no que o presidente do Parlamento (Miguel A. Santalices) referiuse a respecto de Castelao como o «primeiro presidente». Recoñecemento que lle deu pulo á declaración pola Xunta de 2025 (75 aniversario da morte do rianxeiro) como Ano Castelao, organizando un acto institucional con adhesións e intervencións plurais no 7 de xaneiro 2025, data do 75 aniversario do seu pasamento. Malia que algúns presentes xa advertimos no ambiente daquelas datas que o PPdeG non estaba por lle dar ao presidente Castelao o lugar que lle cómpre no imaxinario da nosa nación.
Velaí como o 28 de xaneiro o PPdeG rexeitou a proposta do BNG de recoñecer a Castelao como primeiro presidente e botou un monte de xerras de auga fría por riba do Ano Castelao. Houbo quen dixo entón que o Goberno Rueda seguiría o ronsel de Fraga Iribarne e potenciaría unha imaxe pouco definida de Castelao e moi alicerzada nos seus sobresaíntes valores literarios e artísticos.
“A Xunta non foi quen mesmo de desenvolver un potente Ano Castelao”
A Xunta non foi quen mesmo de desenvolver un potente Ano Castelao proxectando esa perspectiva máis admisíbel dende a dereita española. Moi probabelmente porque xa non estamos no 1995 nin no 2000 e Castelao xa non pode ser un referente multiusos que serve para alicerzar discursos rexionalistas ou de mornos autonomismos. Durante todos estes anos e, nomeadamente, dende 2005 a obra política de Castelao ten sido obxecto de ampla pescuda e resulta moi difícil que calquera persoa investigadora, comunicadora ou mesmo política minimamente informada deixe de recoñecer que: I) Castelao acreditaba na autodeterminación soberana de Galicia, II) Castelao acreditaba en pactos federais e confederais en pé de igualdade entre os pobos ibéricos e europeos, sen desbotar niveis máis amplos de soberanía se non se respectaban esa caste de pactos e III) Castelao consideraba que o estatuto de 1936 era un pacto útil, malia que transitorio no camiño desa autodeterminación confederal.
Xa que logo, o goberno Rueda actuou (e penso que non sen potentes diverxencias internas), contra o que tería desenvolvido calquera goberno de calquera nación europea (con ou sen Estado) impondo a pasividade neste Ano Castelao 2025. No sistema educativo só estivo presente polo esforzo das ensinantes, que foron privadas de calquera material pola Administración educativa. No ámbito da sociedade, da Universidade e da cultura limitouse á mera colaboración, máis ben pasiva, no traballo da sociedade civil, nos gobernos locais de Compostela, A Coruña e outros alleos ao PP noutras cidades e vilas, Deputacións da Coruña e Lugo, UDC, USC, Consello da Cultura Galega, RAG, Fundación Castelao, Fundación Galiza Sempre e moitas entidades sociais e culturais.
No Ano 2025 do presidente Castelao fallou o goberno e estivo no seu sitio o país, a sociedade.





