150 socios galegos na banca ética de Fiare

O colectivo xa sumou 30 millóns de euros en depósitos a nivel estatal. Mañá martes reúnese na Coruña.

Raúl Asegurado, presidente de Fiare-Galicia
O vindeiro martes, 17 de xaneiro de 2.012, haberá a resentación na cidade da Coruña do proxecto FIARE de Banca Ética. A Asociación Fiare Galiza, no capítulo de socios, conta na actualidade con máis de 125 persoas físicas e 25 persoas xurídicas, entre as cales están, entre outras, Adega, Ais O Peto, Altermundo, Arela, Amarante, Asociación Xuvenil Abertal, Coordinadora Galega de Ongd’s para o Desenvolvemento, Enxeñería sen Fronteiras, Irimia, Sociedade Galega de Educación Ambiental, Sindicato Labrego Galego, Solidariedade Internacional, Verdegaia e Zocamiñoca.
FIARE é un proxecto que nace no 2.003 para a promoción da banca ética, e xa desde 2.004 FIARE funciona en toda España como prestadora de servizos financeiros, como axente da Banca Popolare Etica.
A nivel estatal, o aforro recolleito polo proxecto FIARE xa ten superado os 30 millóns de euros, segundo datos de agosto de 2.011.
O crecemento na promoción do aforro das organizacións e familias permitiu dispor duns recursos que se destinan ao financiamento de proxectos transformadores, é dicir, fixo posible outorgar créditos a proxectos sociais do terceiro sector e de economía social, de xeito que a 31 de agosto de 2011, FIARE concedeu financiación a máis de 160 proxectos, por un valor que ascende a máis de 26 millóns de euros.
Características de FIARE como a toma de decisións participativa, a transparencia, o filtro ético das entidades financiadas, a actuación ao servizo da xustiza, a participación de redes cidadáns e a actividade rendable pero non lucrativa, teñen animado a que nestes intres, a nivel estatal, case 300 organizacións e entidades e máis de 2.000 persoas estean a apoiar o proxecto FIARE de Banca Ética.
A reunión, organizada polo grupo local da Coruña, terá lugar ás 20:30 hs. no salón de actos da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, na rúa dos Olmos, nº 16-18, 1º, desta cidade, e contará coa presencia de Raúl Asegurado, presidente da Asociación Fiare Galiza.