10,9M€ en fondos europeos para “transformar Ponteareas”

O Concello presentou o lanzamento destes investimentos e os novos proxectos

Ponteareas | O Concello de Ponteareas celebrou hoxe o acto de presentación do lanzamento dos fondos europeos nun salón de plenos ateigado de representantes das Comunidades de Montes, traídas de augas, centros e casas culturais, asociacións e veciñanza. O encontro contou coa presenza do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, do deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Fondos Europeos e do director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, presentaron os proxectos e liñas estratéxicas que marcarán a transformación do municipio nos vindeiros anos. “A verdadeira transformación mídese por como se trata ás persoas; elas han de estar no centro para avanzar cara a unha comunidade moderna e unida”, explicou a alcaldesa.

10,9 millóns de euros para coidar, conectar, protexer e medrar
Con 10,9 millóns de euros —o maior investimento xamais conseguido polo Concello— Ponteareas impulsará actuacións para conectar o rural co urbano, a tradición coa tecnoloxía e o progreso co benestar das persoas.

Estableceranse puntos de conexión nas parroquias para ampliar as redes de coidado e atención ás persoas maiores e ás familias. Ademais, darase resposta a unha das grandes necesidades actuais: que as persoas maiores poidan seguir vivindo na súa contorna. Para iso construiranse dous centros de día, un en Guláns e outro en Xinzo, achegando coidados profesionais, actividades e acompañamento.

Ponteareas lidera xa un proxecto pioneiro para garantir que a poboación maior das parroquias poida vivir con autonomía e seguridade, respectando a identidade e evitando o desarraigo e a soidade non desexada, mediante sensores de movemento, teleasistencia e formación dixital.

Ágora Corpus: unha biblioteca aberta 24 horas os 365 días do ano
Coas necesidades da cidadanía no centro, o goberno local executará o proxecto “Ágora Corpus das Artes e das Letras”, unha gran biblioteca pública municipal de máis de 2.000 m², multidisciplinar e aberta á cidadanía as 24 horas do día durante todo o ano, concibida para compartir ideas, aprender, crear e facer comunidade.

Renaturalización e cidade sostible
Como primeiro concello en aprobar unha Estratexia de Infraestrutura Verde, Ponteareas transformará a praza Bugallal nun espazo máis verde, fresco e amable.

“A renaturalización da praza, con pérgolas e zonas de sombra, mellorará o confort térmico, avanzando cara a un modelo urbano máis sostible e saudable”, sinalou a concelleira de Urbanismo. A edil destacou que se trata dun proxecto de cidade que aborda de maneira integrada cuestións como a vivenda, os servizos sociais, a atención ás persoas maiores, a cohesión territorial entre o centro urbano e as parroquias, a cultura, a actividade económica e a sustentabilidade ambiental.

Novos centros culturais, vivenda, administración próxima e dinamización económica
O plan inclúe tamén a rehabilitación de vivendas para alugueiro, facilitando o acceso á vivenda da mocidade e das familias, e a transformación da administración local para evitar desprazamentos e ofrecer servizos máis próximos e áxiles.

Desde o punto de vista económico impulsarase a modernización e dixitalización do tecido produtivo, incluída a renovación do mercado municipal e dos espazos públicos para favorecer o emprendemento e o talento local. Na dimensión social reforzarase a rede de equipamentos nas parroquias coa creación dun centro cultural en Padróns e outro en Pías.

Un proxecto para afrontar desafíos estruturais
Grazas a este enfoque estratéxico e integrado, con visión, planificación e rigor técnico, Ponteareas conseguiu a confianza das institucións europeas e o financiamento FEDER.

“Un municipio de 23.800 habitantes pode ser pequeno en número, pero non en ambición. Non nos poñemos límites e faremos o mellor para as nosas veciñas e veciños, para que se sintan orgullosos e atopen na súa vila un lugar onde vivir con servizos de calidade”, subliñou a alcaldesa.

A rexedora insistiu en que o plan non busca só executar obras, senón transformar inercias e afrontar desafíos estruturais como a despoboación e o envellecemento, construíndo un futuro máis cohesionado, sostible e inclusivo para Ponteareas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.