XI Edición da Interrunnning en O Porriño

 

O Porriño | Segue aberta a inscrición para a XI Carreira Popular de Atletismo “Interrunning”, organizada polo clube Interrunning e o Concello de Porriño, que se celebra o vindeiro día 12 de marzo.

Ata o 7 de marzo ás 23:59 horas quen queira participar na proba pode inscribirse, dende o vindeiro día 1 de febreiro, en persoa, en Intersport Piñeiro Porriño, Intersport Piñeiro Vigo –nas rúas López Mora e Camelias- e en Intersport Piñeiro Pontevedra.

O día 2 de xaneiro abriuse a posibilidade de inscrición no portal web www.championchipnorte.com, dando os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, clube ao que pertence o participante, ou aclarar se é independente, ano de nacemento e teléfono.

Pola súa banda, os participantes nas Categorías Menores –ano 2002 e posteriores- poden facelo entregando 1 quilo de comida non perecedoira cando vaian a recoller o dorsal.

Como subliña o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, este proba “é unha das máis importantes do calendario de Atletismo de toda a provincia” e, coma tal, está no da Federación Galega. Carrera lembra que na pasada edición participaron máis de 2.000 corredores e que este ano “agardamos superar ese número”.

O concelleiro amosa o seu orgullo polo feito de que esta edición faga unha “máis que merecida homenaxe” á muller corredora, e salienta a “importancia que para o deporte en xeral e, en concreto, para o do Porriño, teñen as deportistas, dende as categorías inferiores ata as absolutas, coma adestradoras, como xuízas e coma dirixentes de clubes e asociacións”.

A saída da proba, que se disputa sobre unha distancia de 10 quilómetros-na categoría absoluta- será pasadas as 10 e media da mañá do vindeiro día 12 de marzo na rúa Domingo Bueno, na que tamén estará a meta.

As duchas estarán situadas no Pavillón Municipal e haberá unha zona de avituallamento xa sinalizada. Cada participante que remate a proba recibirá unha bolsa regalo, e a entrega de premios será na meta á 1 da tarde.

Os premios para os primeiros participantes da categoría absoluta serán: 1º Clasificado/a: 300 €; 2º Clasificado/a: 200 €; 3º Clasificado/a: 100 € e 4º-6º Clasificado/a: 50 €.