Volven os Bocados de Outono

Dezaoito tapas con alternativas para celíacos e veganos por 2,50€ cada unha

Ponteareas | A concellería de Promoción Econónica recorda á cidadanía que hoxe xoves, mañá venres e o sábado día 9 volven os pinchos da Bocados de Outono.

A partir das 20 horas poderanse degustar as dezaoito tapas que se ofrecen nesta ruta gastronómica por 2,50€ cada unha delas, un prezo para tódolos petos e así poder facer partícipes a todos e todas os que queiran probar estes petiscos de primeira calidade. Un prezo único para múltiples sabores que sorprenderán os paladares.
Os Bocados de Outono volverán a fin de semana próxima, o xoves día 14, o venres 15 e o sábado 16.

Tapas para todos e todas
A hostalería ponteareá quere que todas as familias poidan participar e por ese motivo ofrecerá tapas veganas en catro dos locais participantes e tapas sen glute en outros sete locais. O pulled de xarrete e cogomelos de tempada, o fungo funga, a copa e puro, o nagiri de cachucha de porco celta con boletus e trufa, a tosta de setas e froitos secos, os callos veganos con setas e calabizo, as delicias de secreto ibérico con salsa de castañas ou o risotto con cogomelos e castañas son as propostas que temos para as persoas que se decanten polas tapas sen glute ou polas tapas veganas.

Na páxina web do concello poderase descargar o plano do roteiro con todos os locais participantes e as tapas que se ofrecen destacando cun distintivo a oferta sen glute e a oferta vegana.

Participar ten premio
Como cada ano a concellaría de Promoción Económica quere premiar aos participantes e sorteará cinco grandes agasallos; un primeiro premio cun cheque regalo de compra de 150€ canxeables no comercio local; un segundo e terceiro premio cun cheque agasallo de 50€ canxeables nos locais participantes e un cuarto e quinto premio consistente nun lote de produtos da Feira de Outono. Deste xeito ademais de promover os locais de hostalería tamén se promociona o comercio local.

Todos e todas as participantes poderán, ademais, puntuar as tapas que degusten para elixir a mellor desta edición .
O concello agradece a implicación da hostalería local e tamén do tecido comercial e convida á cidadanía a facer un percorrido por tódolos locais para poder valorar e descubrir as receitas máis saborosas con ingredientes de tempada.