Tomiño organiza un curso gratuíto de radio online

A acción formativa, que vai dirixida á poboación moza de Tomiño, terá unha duración total de 8 horas, repartidas os xoves do mes de novembro

Tomiño | O Concello de Tomiño impartirá, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) o “Curso de xestión e manexo dunha radio online: radiomocidade.gal”. A acción formativa, que vai dirixida á poboación moza de Tomiño, terá unha duración total de 8 horas, repartidas os xoves 8, 15, 22 e 29 de novembro, de 16.30 a 18.30 horas.

Os contidos previstos son unha introdución á plataforma WordPress, creación de blogs e páxinas web e xestión técnica dunha radio online (radiomocidade.gal, de Tomiño), incluíndo elementos de conexión, streaming, uso básico de software, mesa de son, micrófonos, locución, emisión de música, etc.

As persoas interesadas en participar neste curso, totalmente gratuíto, poden enviar un correo electrónico a omix@tomino.gal.