Tomiño celebra o Día Internacional da Diversidade Biolóxica cunha “Semana da Árbore”

O coñecido como “Carballo de Vilar”, convertido en escultura pola artista búlgara Liliya Pobornikova, será presentado de forma oficial

semana da árbore

Tomiño | Tomiño celebra o Día Internacional da Diversidade Biolóxica, organizando dende a Concellalía de Medio Ambiente, a “Semana da Árbore”, entre os días 22 e 27 de maio, con conferencias, actividades escolares, xornadas de compostaxe e a presentación do Catálogo de árbores senlleiras de Tomiño, a cargo do biólogo e coautor do traballo, Xurxo Mouriño.

Tamén a arte terá cabida nesta semana temática. O luns 22 inaugurarase a exposición de fotografía “Da luz nas árbores”, de Gustavo Rivas, e o sábado 27, presentarase a escultura “O Carballo de Vilar”, de Liiliya Pobornikova.

O mesmo luns 22, está prevista unha conferencias sobre as “Árbores monumentais de Galicia”, a cargo de Gaspar Bernárdez, enxeñeiro forestal e coautor do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, que falará da historia da catalogación en Galicia, dos parámetros para que unha árbore sexa incluída no citado catálogo e a situación do catálogo de Galicia na actualidade.

.

Ao longo da semana haberá, asemade, actividades dedicadas aos escolares, coma a proxección da película “O bosque animado” e a curta divulgativa “Vive o bosque”, presentada por Suso Cubeiro, ilustrador e divulgador medio ambiental.

Na mesma liña, a presidenta de Acubam (Asociación Cultivos Baixo Miño), Patricia Rodríguez, presentará o mércores 24 o proxecto “As nosas amigas as plantas”. O mesmo día, Xurxo Mouriño, presentará o Catálogo de árbores senlleiras de Tomiño, resultado dun longo traballo de investigación, en colaboración con diferentes colectivos do Concello e que ten como resultado 120 árbores monumentais inventariadas.

Por último, realizaranse as primeiras Xornadas de Compostaxe. Serán o sábado 27 na Praza do Seixo, con reparto de compost procedente dos primeiros composteiros comunitarios de Tomiño (situados nos núcleos urbanos). Tamén estará presente o programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra a través dun stand informativo sobre o programa. As actividades estarán amenizadas coa actuación do grupo de gaitas “Airiños novos de Pinzás”.

A concelleira de Medio Ambiente, Mª Xosé Vázquez, explica que o obxectivo desta semana é dar a coñecer e divulgar unha parte importante do patrimonio natural de Tomiño, neste caso as súas árbores e a súa paisaxe natural. Como en todas as actividades do Concello, hai unha atención especial ós máis cativos e cativas, “para que coñezan e valoren a riqueza e a diversidade natural que temos no noso concello, aprendendo ao mesmo tempo, a coidar este patrimonio.”