Rematan as Barferencias de inverno 2018-19 na Guarda

A Guarda | O pasado venres día 15 de marzo de 2019 tivo lugar na Cafetería Marbella da Guarda a quinta e última Barferencia de Inverno 2018-19 na Guarda, un ciclo que nesta edición contou cun total de 5 citas, nas que a afluencia de público foi extraordinaria.

Os asistentes coñeceron como foi o paso deste recinto fortificado en pleno centro da Guarda tras a Guerra de Restauración Portuguesa e o seu paso de fortificación a elemento patrimonial, grazas as explicacións de Rebeca Blanco Rotea.

En palabras de Rebeca Blanco Rotea, a fortaleza de Santa Cruz é a fortificación galega de época moderna conservada no extremo máis suroccidental de Galicia, e formou farte do sistema defensivo galego que protexía as poboacións e o territorio situado a este lado do Miño, aínda que caeu en manos portuguesas en 1665, onde se mantivo ata a firma do tratado de paz de Lisboa en 1668.

Santa Cruz formaba parte dun conxunto maior que controlaba esta zona da fronteira (un conxunto formado pola Atalia da Guarda, a batería de Camposancos, o garita do Monte Torroso, o facho de Santa Trega), protexendo a vila da Guarda dos posibles ataques dende o norte e o oeste, e os diferentes accesos á mesma, ven fosen por terra, por mar ou polo río.

Construído entre 1662 e 1664, é atribuído aos irmáns Carlos e Fernando Grunnenberg (Garrido 1989: 116, Cobos e Castro 2005: 86), responde aos principios da fortificación abaluartada característica da Idade Moderna. Presenta unha planta romboidal, con catro baluartes nas esquinas, e medias lúas que defenden as cortiñas entre baluartes, todo elo rodeado por camiños abertos e fosos. En 1665, pasa a mans portuguesas, unha vez ocupada a vila e capitulado o gobernador.

A partir do tratado de 1668, a fronteira mantense nun estado relativo de paz, mais mantéñense as prazas principais, mentres segue o proceso construtivo nalgunhas delas, fundamentalmente as grandes fortificacións permanentes. Outras fortificacións destrúense, e unhas terceiras fanse de nova planta, como no caso da do Forte de San Lourenzo.

Santa Cuz será un deses fortes que se manteñen no tempo, en poder do Estado Español ate 1860 momento no que se vende por parcelas en subasta pública, e foi adquirido por varios propietarios como D. Juan Puebla ou D. Ángel González Sobrino, quen restaurou as murallas, modernizou a zona interior e habilitou outros sectores para cultivo. Na barferencia analizouse esta etapa, dende o 1668 até a actualidade, en concreto, xaneiro do 2016, momento no que se abre o espazo ao público e se destinan os edificios interiores a un pequeno centro de interpretación, que contén unha pequena exposición e está destinado tamén á elaboración de talleres. Revisouse como o forte sufre un proceso similar ao doutras fortificacións galegas que perden agora a súa función como fortaleza e comezan a sufrir un proceso de esquecemento da súa memoria que vai, en parte, aparellado á transformación urbana que viven as nosas cidades e vilas dende a partir da segunda metade do século XIX e, sobre todo, no século XX momento en que este pasa a formar parte do Patrimonio galego como monumento e Ben de Interese Cultural, con todo o que esta figura conleva. Xa no século XXI o forte pasa por un proceso de patrimonialización que remata na súa recuperación por parte das administracións públicas, pola súa recuperación e posta n valor.

Ao remate, Rebeca Blanco Rotea explicou o proceso polo cal o Castelo de Santa Cruz pasa de ser un símbolo da defensa dun territorio, a ser un elemento patrimonial cuxa funcionalidade vai depender de moitos factores, nos que interveñen, súa vez, moitos axentes. Esa nova identidade poderá ter diferenes vertentes, converténdose así agora o forte en referente identitario, patrimonial, cultural ou social.

Suxerencia de etiquetas:
#AGuarda #cultura #Patrimonio #Barferencias #CastelodeSantaCruz