• Segue conectado
  • |

Presentación do documental ” Manuel Aris, no cinema da emigración

Poio | O investigador, guionista, productor executivo e director  Xan Leira presentará o documental “Manuel Aris, no cinema da emigración”. Sera en Poio nas vindeira semanas

Fundamento do proxecto documental:
Manuel Aris Torres nace o 26 de setembro de 1920, en San Xoán de Poio e aos nove anos emigra ao Uruguai, cos seus avós,. Na capital uruguaia fará unha grande parte da vida que fundamenta a realización desta crónica audiovisual: o bacharelato, a dinamización do asociacionismo mutual e cultural no Centro Galego e no conxunto da colectividade española de Montevideo, a produción de radio e, finalmente, a actividade cinematográfica.

A súa visión e audacia emprendedora lévao a incursionar no mundo do cinema, coa produción, en 1950 do filme uruguaio Urano viaja a la Tierra (El pibe Carlitos) co efímero selo da súa produtora Aris Films e, logo, o primeiro filme de ficción histórica dirixido polo seu amigo Daniel Spósito Pereyra, en 1952: El desembarco de los 33 Orientales, cinta histórica na escasa cinematografía uruguaia que narra a epopeia da independencia do país. Aris participa na produción e actúa coma un dos 33 Orientais que dende Bos Aires cruzaron o Río da Prata levando a bandeira da independencia americana. A súa esposa Celia Domínguez Lanzi fixo o vestiario de época do filme.

Manuel Aris tiña a sensibilidade necesaria para entender que a comunicación era, en todas as súas formas, o xeito de convocar e promover dentro da colectividade galega e española de Montevideo o seu desenvolvemento cultural, económico e profesional e deixar atrás a mofa e o rexeitamento paraacadar a súa plena inserción social. Dende a súa responsabilidade coma Secretario xerente do Centro Galego de Montevideo achégase máis ás necesidades dos emigrantes e íso lévao a crear, co compromiso doutras entidades representativas, o programa radial Por los caminos de España, en Radio Imparcial, do cal fructificarán todos os outros proxectos artísticos e sociais que tiveron a Aris coma un grande dinamizador: bolsa de traballo, campañas de solidariedade, shows musicais, exhibicións cinematográficas, eleccións da Raíña da Primavera da colectividade española; representacións de artistas españois de xira por Uruguai, coma os nenos cantores Joselito e Marisol; excursións turísticas; promoción urbanística, etc.

Mais, a historia grande de Manuel Aris comeza no ano 1951 co feito de mercar unha cámara Rolex Reflex de 16mm para filmar a vida social dos seus paisanos. Aris suma así, ás actividades sociais e radiais, a proxección das súas curtametraxes. Todo un éxito!

Logo, viran os proxectos cinematográficos da súa autoría Por los caminos de España en el Uruguay, de 1954-57; Un viaje por Galicia, de 1958; Por los caminos de España, de 1959; e Tierra de nuestros mayores, o seu traballo máis cobizoso, que foi rodado coa participación estelar da recoñecida actriz galega radicada na Arxentina Amalia Sánchez Ariño, durante máis de dous meses por terras de Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense, Verín, Lugo, Betanzos e A Coruña.

Estes filmes documentais que Manuel Aris logra estrear exitosamente na capital arxentina primeiro e logo en Montevideo, converten a súa obra nun documento de época de incuestionable valor histórico, sociolóxico e cultural encadrado no que se deu en chamar, polos historiadores e investigadores galegos, “cine de correspondencia”.

O éxito acadado coas longametraxes non é suficiente para manter todos os seus emprendementos radiais e cinematográficos. No camiño quedará o seu grande soño: producir o filme que documente e fundamente, ante o mundo enteiro, como dicía Manuel, a orixe galega de Cristóbal Colón.

Na década de 1970 Manuel Aris trasládase a Bos Aires, a outra beira do Prata, onde centrará a súa vida en emprendementos empresariais que, pouco a pouco, vanno alonxando da creación cinematográfica e, tamén, da actividade radiofónica. A figura do cineasta Manuel Aris esváese no tempo e a súa obra queda fosilizada nas vellas latas que gardaba na súa casa bonaerense.

Tempo despois, grazas ás inquedanzas de Manuel González e o apoio da Xunta de Galicia, a figura de Manuel Aris é recuperada para a historia cultural e migratoria galega e a súa traxectoria, no chamado cine de emigración ou cine de correspondencia, queda reflectida no libro catálogo editado polo Consello da Cultura Galega conmemorando os Cincocentos anos do descubrimento de América. Logo, virán as homenaxes nas VIII Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia, no Carballiño e no seu Concello de Poio, onde autoridades, familiares e veciños rendiránlle unha cálida homenaxe.

Manuel Aris morre aos 93 anos en Bos Aires, o 29 de agosto de 2013, maxinando o seu derradeiro filme sobre o seu paisano Cristóbal Colón, do que dicía dispoñer en exclusiva de información sólidamente documentada da orixe galega do descubridor de América.

Título: Manuel Aris, no cinema da emigración
Guión, Dirección e Produción executiva: Xan Leira
Produtora: Acuarela Comunicación S.L.L
Xénero: Documental
Duración: 51 min.
Directora de produción: Diana Reiter
Investigación: Xan Leira, Diana Reiter
Montaxe: Ariel Nax
Música: Enrique Estrada
Lugar de rodaxe: Galicia, Bos Aires, Colonia e Montevideo
Datas da produción: xullo de 2005 – outubro de 2017
Entidade colaboradora: Concello de Poio

Testemuñas: Manuel Aris, emigrante e cineasta; Enrique Acuña, xornalista e investigador; Manuel González, investigador cinematográfico; Celia Aris e Carlos R. Accinelli, filla e xenro de Manuel Aris; Luciano Sobral, Alcalde de Poio; Miguel Anxo Fernández, escritor e investigador cinematográfico; Manuel Suárez Suárez, escritor e investigador en temas migratorios; Virginia Ramírez Abreu, Doutora en Historia da Arte USC.

Publicado o 2 Nov 2017 en Aldea Global, Axenda, Cultura.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Faga click no enlace para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies