• Segue conectado
  • |

Presentación do libro ‘O futuro das pensións’, este venres en Vigo e o sábado na Estrada

Lídia Senra retoma a finais desta semana os actos públicos de reparto da publicación editada en colaboración con MODEPEN e a Coordinadora Estatal


Vigo | A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), retoma a finais desta semana os actos públicos de presentación do libro ‘O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa. Concretamente, este venres, 25 de xaneiro, presentarase o libro en Vigo (ás 19:00 horas, no Café de Catro a Catro, na rúa de Girona, 16); e o sábado 26 de xaneiro, terá lugar na Estrada (ás 19:30 horas, no Salón Abanca, na rúa Calvo Sotelo). En ambos lugares, Lídia Senra estará acompañada polo economista e escritor e membro do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), Xabier Pérez Davila. Na Estrada, o acto será presentado pola concelleira de MÓVETE (Movemento Veciñal Estradense), Mar Blanco Casais, quen tomou a iniciativa para que se poidera organizar este evento no municipio.
As persoas que asistan poderán levar gratuitamente exemplares da edición impresa do libro, que recolle textos dunha quincena de expertos e expertas en seguridade social, materia laboral e xubilación e pensións de diferentes partes do Estado español e doutros países da UE, que participaron no pasado mes de setembro nunha xornada organizada pola propia Lídia Senra en Santiago de Compostela sobre esta cuestión.

A eurodeputada, que estará acompañada por Xabier P. Davila, acusa á UE de incumprir a Carta de Dereitos Fundamentais fomentando pensións privadas

A europarlamentaria reivindica que “non podemos permitir que para a maioría das persoas chegar á xubilación supoña entrar na pobreza” e para iso propón informarse e dar a batalla para evitar que se siga retrocedendo en dereitos logrados hai décadas e con moito esforzo. “O artigo 25 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE di que a Unión recoñece e respecta o dereito das persoas maiores a levar unha vida digna e independente e a participar na vida social e cultural; e tamén o artigo 34 desta mesma carta di que a Unión recoñece e respecta o dereito de aceso ás prestacións da Seguridade Social e aos servizos sociais que garanten unha protección en casos de maternidade, enfermidade, accidentes laborais, dependencia ou vellez, así como en caso de perda de emprego. Con estes artigos, o lóxico sería pensar que a Unión está a ser garante destes Dereitos e que as súas políticas están sendo encamiñadas a conseguir estes obxectivos. No entanto, a realidade é que as e os dirixentes da UE están inmersos nunha construción europea neoliberal e, neste proceso, van deixando de lado os Dereitos Humanos e os Dereitos recoñecidos na súa propia Carta de Dereitos Fundamentais”, denuncia Senra.

A versión dixital do libro pódese consultar aquí.
Aquí información sobre a xornada que tivo lugar en setembro.

“Os dereitos que se recoñecen na Carta ás persoas maiores deben pasar, en primeiro lugar, por sistemas públicos de pensións e pensións públicas dignas e suficientes para poder levar esa vida digna cando nos xubilamos. Para logralo, os obxectivos da Unión deberían ser pór a disposición os instrumentos necesarios e traballar cos Estados membro para garantir as pensións públicas dignas. Non obstante, a UE está a facer todo o contrario. A Unión leva anos impondo aos Estados membros, e sobre todo a aqueles intervidos pola TROIKA como é o Estado español, a través dos Memorandos de entendemento e das recomendacións do Semestre Europeo, reformas laborais, reformas de pensións e da Seguridade Social que teñen como consecuencia a perda de dereitos conquistados hai anos pola loita da clase traballadora. Isto tradúcese na rebaixa das contías, na perda de valor adquisitivo das pensións, no aumento da idade de xubilación, na introdución de repagamentos sanitarios, na deficiente atención á dependencia… Todo isto seguindo o mandado do Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional, puras institucións do capitalismo”, denuncia.

Fronte a iso, Senra chama a seguir mobilizándose para impedir que saia adiante o novo chamado Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PEPP), impulsado pola Comisión Europea e que promove aínda máis os mercados privados de pensións en detrimento dos sistemas públicos.

Publicado o 24 Xan 2019 en Axenda, Cultura, Política, Vigo.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies