• Segue conectado
  • |

A poboación de Cerveira e Tomiño avaliará os servizos e equipamentos compartidos

Repartíronse 4.000 enquisas entre a cidadanía dos dous municipios e os resultados servirán para deseñar a estratexia de futuro

Tomiño / Vila Nova de Cerveira | Co obxectivo de coñecer o impacto da cooperación transfronteiriza no día a día e ponderar a demanda cidadá de servizos compartidos a prestar, os concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira queren facer un estudo do que está a suceder no terreo. Por este motivo, ambos os dous concellos distribuíron arredor de 4.000 enquisas divididas por franxas de idade que servirán para deseñar e seleccionar os equipamentos a compartir por ambos os dous municipios no futuro.

A mellora da capacidade institucional e a eficiencia da administración pública, unida a unha maior cooperación entre a cidadanía e as institucións, é fundamental para o abandono das asimetrías existentes, para a promoción do acceso universal e común ao conxunto dos equipos e servizos e para a consolidación da desfronteirización.

O obxectivo principal do envío destas enquisas é coñecer de primeira man a opinión dos cidadáns de ambos concellos, sobre todo dos que partillan xa algún tipo de servizo compartido. Por outro lado, cos resultados obtidos a partir das respostas cidadás a Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira coñecerá o estado actual e real no que se atopa a cooperación entre fronteiras, sobre todo dos proxectos e accións que afectan directamente á cidadanía dos dous municipios, para traballar no fortalecemento das relacións e mellorar as estruturas de funcionamento.

En estreita colaboración cunha escolma de centros de ensino, asociacións cidadás e veciñais, entidades de benestar e solidariedade social ou técnicos dos servizos públicos, entre outros, repartíronse preto de 4.000 enquisas con 26 preguntas de resposta rápida para estudar o grado de coñecemento da poboación, así como as súas demandas en canto aos equipos de uso común. Deste xeito, a organización contará con información coa que deseñar accións de futuro nas que prime a opinión da cidadanía.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima a toda a cidadanía a participar de xeito activo nesta iniciativa e contestar ás enquisas para que “cando se poñan en marcha máis actividades enmarcadas no programa IINTERREG VA POCTEP cumpran as expectativas de todos os veciños e veciñas de Cerveira e Tomiño”.

A Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira é un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea. A cooperación transfronteiriza entre ambos os dous concellos ten pautado a súa acción arredor da valorización da participación pública e a cidadanía activa, poñendo en marcha o iniciativas como Orzamento Participativo Transfronteirizo ou a figura da Valedora Transfronteiriza, ademais de diversas accións e obradoiros que involucran a entidades e cidadanía.

Publicado o 22 Dec 2017 en Vila Nova de Cerveira.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies