Perspectiva de fin de ciclo.

"todas as pitonisas están mortas, como é sabido." J.P. Sartre, As palabras

É teima dos historiadores parcelar o tempo histórico. Pode ter utilidades didácticas mais non semella moi practico para os que viven o momento político, aínda non histórico. O risco de aventurar só o poden correr os que pretendan intervir na ágora, no debate, e queiran formular propostas alternativas, de mudanza, incompatibles coa mera xestión da realidade. O risco de ser unha inexistente pitonisa pódese asumir se prefires a derrota á incongruencia persoal.

Hai agora un lustro o agrupamento da esquerda galega esparexíase en anacos por ausencia de perspectiva, incomprensións manifestas e/ou teimosas rixideces. Un ciclo curto (2012-2018), seis anos nos que a esquerda non foi eficaz para defender as maiorías sociais que sufriron, e sofren, unha longa década de latrocinio acochado baixo a cínica denominación de “crise”. Nuns casos por falta de reflexos, noutros por precipitacións entusiastas; nos dous por predeterminacións das elites preocupadas por conservar o que teñen amarrado.

Aquela forza indignada que ocupara as prazas en maio de 2011 foise esboroando. Tras a derrota grega en 2015 e a perspectiva dun trato similar a quen ousase postularse como alternativa e o abandono das formas democráticas, aseguraron o voto da dereita fraccionándoo entre conservadores e dereita extrema, arrastraron as bases laboristas a apoiar o brexit e trouxeron a Trump entre as risadas de coello de Putin.

Por dúas veces deixouse gobernar a Rajoy, á personificación do latrocinio. Foise incapaz de apartar a Feijoo e o seu proxecto de exterminio. Só as clases medias e populares catalás foron quen de manter un pulso de transformación do estado. Ninguén ollou para a alternativa-Lisboa.
Un novo ciclo semella aberto, coa “crise” asentada sen horizonte de mudanza; a xenofobia e o autoritarismo estendéndose por Europa e impoñéndose en España con permanentes recortes de liberdades que chega ao extremo de encarcerar dirixentes políticos, obrigalos a autoexilarse, a procesar rapeiros, secuestrar libros, prohibir cadros….

A dereita fracciónase, a fin de non perder votos, entre o partido da corrupción e o emerxente. Mentres, tras o amago de sublevación no PSOE, os que mandan puxéronlle sordina ao sorprendido Sánchez que ficou en silencio agardando o esmiuzado de Unidos-Podemos, prendido na trapela da plurinacionalidade e do medo ás bandeiras colgadas dos balcóns.Todo nun marco internacional cada vez máis tenso. Todo nun ambiente de cansazo.

Seis anos despois, dúas lexislaturas feijonianas, trinta e cinco anos de autonomía, trinta gobernados pola chaqueta revirada do franquismo sociolóxico… cun estatuto herdado do PG, que Castelao acadou “in extremis”, e subsidiario do “apaciguamento” de Cataluña e o País Vasco. Todo un ciclohistórico longo transcorrido. Que temos?

Un territorio desartellado, descompensado, un interior despoboado, fatalmente avellentado, coas pensións máis miserables de España. Un pobo socialmente descrido, emocionalmente estragado, sen confianza, nin esperanza, agardando o exterminio coa oposición duns cantos mozos e mozas resistentes e maltratados. Recuperamos, iso si, a nosa tradición emigrante para que se nos escape a mocidade mellor formada que tivemos nunca. Unhas elites provincianas. Uns medios de comunicación entusiastas do etnocidio cultural e lingüístico. Un proxecto de país que non vai máis alá dun parque temático turístico e dúas plantas de montaxe e distribución. Un sálvese o que poida na mellor tradición da enrrabiante acusación de individualismo.

Alguén está disposto a opoñerse ao exterminio máis de laiarse compartindo unha cervexa coas amizades? Aínda é posíbel ? Pódese intentar?

É evidente que, se compartimos a basta descrición das liñas anteriores, non hai moita marxe de manobra. É evidente que se non somos quen de reagrupar forzas e ordenar obxectivos, haberá moitas menos posibilidades. É evidente que sen xenerosidade e comprensión, non é factible. É evidente que sen a unidade precisa non é realizábel un programa alternativo de salvación democrática, nacional e popular, sen que a orde minimice o valor de cada termo.A alianza entre as esquerdas, nacionalistas ou non, é precisa e doada. Pode haber xente que non o vexa urxente, daquela agardemos ter un ollo de vidro como o que lle puxo Castelao ao seu esqueleto para pasear polo cemiterio.

Os acordos políticos dependen, case sempreda vontade de realizalos e a empatía entre as persoas. A vontade non está en correlación coa dificultade. Hai acordos insólitos e outros imposibilitados por miudezas.

Permitan unha reflexión prepositiva de observador á marxe. Cáles serían as actitudes facilitadoras do insólito acordo entre un mundo difuso e outro disciplinado? Semella imprescindible o respecto á autoorganización, isto é, que quen resolva e decida sexa a cidadanía participando sen dependencia de estruturas foráneas e con liderados propios, non subsidiados. Pola outra, a renuncia ao exclusivismo, o respecto por outras perspectivas, a posibilidade de matiz. Se queren, en plan basto, que se esfume o “patriotismo español” e o “patriotismo de partido”.

E logo está a empatía. Cousa difícil de entender. A consolidación da remuda xeracional pode facilitala, se conta coa precisa colaboración das persoas boureadas por vellas antipatías.

As municipais do ano vindeiro serán un primeiro chanzo no tratamento da urxencia. Por unha banda facilítao, porque as estruturas partidarias teñen menos peso, pola outra as anti-empatías poden dificultar un acordo tan simple como o de non meterlle o dedo no ollo ao do lado. Un discreto pacto de non agresión, un xesto de distensión, por exemplo fóra das cidades, onde as bases activas poden asentar a unidade popular. Nestas eleccións é cando as voces que se laian da ausencia de unidade teñen que facerse ouvir, a xeito de rebelión das persoas activas para facilitar acordos posteriores.

Alguén ten algo que propoñer? Hai ganas de facelo?

Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.