• Segue conectado
  • |

Pepe Carreiro presenta ante o alumnado guardés «Os Bolechas na desembocadura do Miño»

A Guarda | O alumnado dos colexios da Guarda recibiu esta semana o novo libro do debuxante Pepe Carreiro «Os Bolechas na desembocadura do Miño», da man do alcalde, Antonio Lomba, e a concelleira de Educación, María Elena Baz.

Os representantes municipais visitaron o pasado mércores os centros escolares do municipio para facer entrega do agasallo ás alumnas e alumnos de todos os cursos de educación especial, infantil e primaria, de xeito que puidesen ler e ollar a obra antes da súa presentación oficial co autor.
Ao acto de presentación, celebrado esta mesma mañá na Casa dos Alonso, acudiron máis de 200 cativos e cativas dos centros de educación primaria e infantil PP. Somascos, As Solanas, A Sangriña e M.R. Sinde, o centro San Xerome Emiliani e a escola de educación infantil da Gándara.

As pequenas e pequenos tiveron a oportunidade de aprender a debuxar os populares personaxes creados por Pepe Carreiro e mesmo de resolver as súas dúbidas. Así, Carreiro confesou non ter un Bolechas favorito e lembrou o seu primeiro libro («Os Bolechas lavan o can») publicado fai 18 anos e ao que se seguiron máis de 500 novas historias, tres das cales teñen A Guarda como protagonista.

«Os Bolechas na desembocadura do Miño»

A popular familia de irmáns Bolechas e o seu can trasládanse nesta ocasión á parroquia de Salcidos, onde reside a súa amiga Sabela. Ela levaraos pola beira do río Miño -pasando pola Xunqueira, a praia do Muíño e o Puntal, entre outras localizacións- á procura dun mazarico. No proceso, os cativos coñecerán novos lugares, así como a fauna e a flora característica da vila guardesa.

A edición do libro contou co financiamento da Deputación de Pontevedra no marco das subvencións para a dinamización lingüística da institución provincial.

Publicado o 2 Feb 2018 en A Guarda, Libros.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies