• Segue conectado
  • |

Cada pedra ten o seu andar.

Na arte de traballar as pedras os nosos canteiros botaban man da intelixencia, dos coñecementos empíricos e da imaxinación. Todos os tres medios conxugados facían do “arxina”, normalmente iletrado, un profesional competente capaz de crear fermosas obras de arte imperecedeiras.
Por unha póla familiar tiven moito trato cos canteiros. Chamoume sempre a atención a intuitiva imaxinación que tiñan para resolver calquera problema que lles xordese. Deles aprendín que cando se esgota o coñecemento, hai que botar man da intuición.Rachar un penedo non é tarefa doada se non se aplica a intelixencia e se descoñece que cada pedra ten o seu andar, a veta por onde escáchalo.
Porque a intuición, segundo un médico-antropólogo, García-Sabell, é o xermolo do que partir para describir calquera realidade. Esta é a semente de ideas.O abrocho do pensamento. Realidade que só teñen os humanos. Principio activo e complexo de todo coñecer do que derivan os significados máis inexpreitados no discurso humano. Ten moito que ver coa decisión rápida ante eventualidades complexas na que o coñecemento a medias do problema precisa de anticipación para afrontar as súas consecuencias.

Os intuitivos, afirma o autor citado, os intuitivos son as persoas que en cadansúa actividade están transcendendo sempre do que están vivindo en primeira persoa ao que está sucedendo detrás das bambolinas. Concentran as forzas nas situacións existenciais concretas para desde elas abrírense a perspectivas e horizontes insospeitados. Así é como miran os intuitivos: interpretando.
Concordo cos científicos que din que os intuitivos captan o mundo das relacións como último soporte tanto das estruturas permanentes coma dos elementos cambiantes e dos datos soltos; están especialmente dotados para contemplaren como o río silandeiro da vida, mesmo onde fai relanzos, segue a furar novos camiños para ollar a esfera do transcendental coma o horto de calquera outra dimensión.

Cando profundaba nestas teorías, véume ao maxín unha anécdota reveladora de todo o exposto. Era un 10 de novembro de 1976, naquela altura tiña unha relevante responsabilidade na dirección política da UPG que viña dos tempos da clandestinidade, e vínme obrigado a redifinir o novo tempo político que se lle viña enriba ao movemento nacionalista. Tempos de mudanzas que había que albiscar con imaxinación e intuición, porque a información que tiñamos dos movementos que estaban a deseñar as élites políticas do réxime franquista chegábannos envolveitas nun neboeiro. Había que interpretar o pouco que sabiabamos para sortear as dificultades incertas que estaban por vir. Elaborei un plan e presenteillello á dirección do partido. Aquel debate tiña dun lado aos dogmáticos que se movían con razoamentos teolóxicos –a teoloxía ben sabemos que non é unha ciencia- e do outro os que utilizábamos valoracións máis rigorosas. Aquilo derivou nun enfrontamento que tivo un final esperpéntico. Nun momento determinado dirixíndome ao “teórico” e lider da facción contraria á miña díxenlle,descalificando a súa autoridade, que algún día veríao militar nun partido de dereitas radicalmente contrario ao nacionalismo. Como queira que consideraran gravísima a miña acusación demandáronme iradamente que dera razóns. Respondínlles que estaba fundamentada nunha intuición moi sólida, como era certo. Movidos por un resorte, todos os demais, agás un, erguéronse alporizadamente para reprocharme con berros ao unísono que “a intuición non era marxista”.E quedaron tan panchos. Aínda non pasaran seis anos daquel suceso, cando o impostor, Pedro Luaces Rosón, que así se chama o avezado recitador de fraseoloxía seudorevolucionaria (recitaba os clásicos marxistas como fan coa Biblia os dogmáticos membros das seitas relixiosas), pasou a ser man dereita e brazo executor de Cacharro Pardo e do seu partido. Un personaxe traxicómico que mesmo se convertera ao islamismo antes do seu suicidio. Os que no seu día o elevaron á secretaría xeral do partido, aínda non deron explicacións coherentes daquel tránsfuga.

A razón afianza o pulo intuitivo e, ademais, tórnao revelador de novas realidades.Os dogmas políticos e relixiosos son a antítese da razón.


Director da revista Lingua e Dereito. Presidente da Fundación dos premios da Crí­tica de Galicia. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüí­stica e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación Galicia Empresa. Ademais, fundador da Fundación Lois Pena Novo.
Publicado o 7 Feb 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies