Particular relato dunha aparente frustración.

Poucos foron os que intuíron que a quebra financeira de 2008 anunciaba non unha crise cíclica da economía, senón o inicio dun cambio no modelo de desenvolvemento capitalista. O paso dos anos, vai alá unha década, revelounos que a mudanza cuestionaba non só a gabada globalización, limitándoa aos intensos efectos da revolución tecnolóxica das comunicacións, senón que o ideal de mercado global, xeopolítica de potencia única e modelo estable,alternante e concordante de representación, ou, o que é o mesmo, “éche o que hai”, no que coincidían Thatcher e Blair, chegaba ao seu fin.

O 15-M foi a supuración dos temores intuídos. Exteriorizou o malestar para acomodarse.

Xa ven vostedes: brexit, Rusia potencia, China superpotencia, Trump atendendo a casa e dando voltas como unha estornela, a bipolaridade conservadora/progresista esnaquizada por toda Europa e o monstro asomando polas regañas da porta…

Non lle poñades chatas á obra namentras no se remata. O que pense que vai mal que traballe n´ela, hay sitio para todos.

Mais eu do que quería falar era de nós. Da nación-política. Para nós o estoupido foi Amio. Alí concentráronse as transformacións do modelo capitalista e o seu corolario na forma de representación política; alí intuíuse a necesidade de mudar o modelo organizativo do ciclo anterior construído sobre un insólito e libresco traslado das experiencias anticolonialistas dos sesenta, do atemporal emprego do concepto leninista de vangarda sempre atinada na alianza nacional de clases, e exceso de pedagoxismo dirixido a unha sociedade moito máis complexa do que os seus pretendidos transformadores coidaban. O disparate prolongouse na mitificación da loita clandestina contra a ditadura e dos momentos iniciáticos que xeraron liderados fortísimosque mesmo chegan ata hoxe, evidentemente limitados por razóns biolóxicas.

Mais o que estourou en Amio só supuxo, por unha banda a consolidación da resistencia ante o novo e da nostalxia do pasado; iso si, con caras novas. Pola outra o modelo de fronte ficou inmutable, só que agora sen partido-vangarda, en forma de coalición permanente que actúa cara afóra como o que non é, un partido. Pero, ao non selo, non podía ir máis alá dunha insegura e inestable conxunción temporal de intereses, ou, o que é o mesmo,dun oportuno, e oportunista,tacticismo electoral.

Dous factores agravaron a particular sensación de frustración; ao mellor non son máis que faces da moeda. A inseguridade subxectiva na fortaleza dunha nova proposta da nación-política atemorizaba, o medo á soidade,provocou unha fantasmal procura de acumulación de forzas, ningunha das cales tiña forza. Por outro lado as dificultades inherentes a conxugar de forma non contraditoria un proxecto soberano galego finalista coa indiferenza a respecto do exercicio desasoberanía ou, mesmo coareticencia a cuestionarse,máis alá do plano propagandístico, a actual estrutura do estado español, é un labor mais propio de xenerosos heroes mitolóxicos que de cidadáns do común.

Agravouse a percepción de frustración cando se actuou cos xeitos conservadores que se criticaban en Amio e optouse por asegurar o que había, unha incerta coalición, socialmente descompensada, na vez de arriscarse en mar aberto e botar pola borda certas incertezas, cando menos para contrastalas. Niso chegou Podemos. O asesor de campaña converteuse en florecente líder. O mundo político semellaba mudar a grandes alancadas; mais, ao non ser o 15M a exteriorización dun malestar, non foi quen de agochar as ansiaspor ficar cómodos.

A “acumulación de forzas” variou, envorcouse da banda da reticencia a cuestionar a estrutura estatal e o “algodón” ficou luxado en Cataluña, e nun precipitado retorno ao pasado recuperaron, no trato interno, as peores pulsións leninistas.

Cando todo semellaba rodar cara ao precipicio da inutilidade ou da conversión nunha reserva “cunera” de votos houbo reacción. E alguén postulou unha nova ilusión porque o desencanto é inútil. É o que acontece ao andar a falar de cidadanía, crise de representación,participación horizontal…. cando, na verdade, só se pretenden empregar estes argumentos como argucia para reproducir os círculos autoproclamados de vangarda. Acábase por descubrir. Pode tardar máis ou menos tempo; pode ser máis ou menos eficaz entre os líquidos activistas de sofá, pero acaba batendo cos sólidos activistas sociais. Entón prodúcese o vorcallón, e aínda que “no se le espere”, chega.

A nación-política precisa un re-encanto. Non pode ficarreducida a súa representación a un 10% . Será posíbel erguer un instrumento político que supere as eivas da cultura frontista, ou de coalición interna, para converterse nun partido de afiliación individual que concite esa ampla franxa de apoios necesarios para a construción da nación-política? Os vimbios tecéronse neste axitado fin de ano temporal. Agora haberá que camiñar con tino pero con decisión e evitar as falcatruadas en cada revirada do camiño.

Sempre haberá xogo de pareceres ou intereses, pero deben ficarlimitados por liderados políticose non ideolóxicos, renovábeis en pautas temporais establecidas, nunha organización con costuras ideolóxicas laxas, moi plurais, situada na esquerda social, que é a que ata hoxe amosou algún interese en construír a nación-política, afastada de tremendismosrevolucionaristassen perder o horizonte da utopía transformadora. Unha organización esponxa que sexa quen de absorber as ideas que emerxen da sociedade actual, dende as diversas formas de ecoloxismo, do feminismo, da sexualidade, as novas formas de expresión cultural ou de trato animal, do cooperativismo no traballo, da percepción do municipalismo como proposta das esquerdas locais e, ao tempo, evitar o fraccionamento ou, o que é peor, a confrontación, entre estas propostas para enxertalas de xeito decidido no proceso de construción da nación-cultura e da nación-política.

Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.