Olga Novo, Cráter (Toxosoutos, 2011)

O 21 de abril déronse a coñecer desde Segovia os autores e os títulos de 2011 que gañaron o Premio da Crítica Española. A particularidade deste premio consiste en que o conceden críticos de renome e que recae en obras, líricas e narrativas, pertencentes ás catro linguas oficiais. Os galardonados galegos son Antón Riveiro Coello con Laura no deserto (Galaxia, 2011), novela que tamén merecería un comentario neste espazo, e Olga Novo con Cráter, no apartado da poesía.

A Cráter pódenselle aplicar moitos dos adxectivos que se lle viñeron apoñendo aos seus poemarios anteriores: telúrico, sensual, feminista, libertario, panteísta… Aínda que os termos tiveron a connotación das etiquetas, sobre todo nos anos 90 cando as novas voces femininas revolucionaron a poesía galega do momento, conseguiron trascender as fronteiras do inmediato para asentar unha linguaxe propia e absolutamente recoñecible. O novo título pon un miliario máis no camiño marcado xa por A teta e o sol, Nós nus e A cousa vermella. Tamén aquí se deixa oír unha voz firme, un eu poético afirmativo e plenamente consciente da terra e do xénero ao que pertence. Unha presenza poderosa que asenta a súa forza nunha identidade con raizames no pasado, e as mulleres que a precederon teñen moita culpa, e con proxecto de futuro. A solidez, manifestada tamén a través de versos que son enunciacións rotundas que o ollo recolle, non é incompatible coa vulnerabilidade. Tampouco coa experiencia gozosa do que ofrece a natureza. A integración do contraste, paralela á simbiose entre corpo e paisaxe, percíbese tanto en escenario galego como en escenario alleo, do que o mellor exemplo é a realidade italiana, e dentro dela, a vesuviana. Para os dous contextos serven, á fin, as revelacións proféticas da deusa campesina, Ceres ou bisavoa galega, que se intercalan a cada pouco. Polos dous contextos é que o libro arrecende a caldo, auga e verde, pero tamén a carne, sol e vermello.

Licenciada en Filoloxí­a Hispánica, (UDC, 1994-1998) e Filoloxí­a Galega (USC, 1998-2000), na actualidade, imparte aulas de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario.