• Segue conectado
  • |

O nome das cidades.

O outro día referiámonos ás mudanzas franquistas , algunhas aínda sobreviven, do nome de cidades e vilas.

Na vella Europa, andamos sempre á procura de documentos medievais, chartae populationis, na que figure algo así como “Et imposimus ei nomen…”; o que veña despois sinala a grandeza de orixe, a historia.

Nos territorios con exceso de historia, como os nosos, estas cousas adquiren un relevo extraordinario ata o punto da invención sabida, consentida e reiterada. Esa Noia tan recuada como para ser fundada pola filla de Noé; Tui e Pontevedra obra de refuxiados troianos; Lugo bautizada en rememoración do deus céltico… Non coiden que é cousa exclusiva do noso excesivo “realismo fantástico”. A atlántica Lisboa, Olissipo, foi fundada polo mesmísimo Ulises; mentres que a mediterránea Barca Nona catalá é obra do Hércules; o que non sabemos é se foi antes ou despois de andar a trompadas na Coruña co xigante Xerión.

O exceso de historia pode mesmo producir alteracións nominais como o de San Petersburgo, aquel delirante proxecto de Pedro O Grande, o tsar modernizador e antecesor de Stalin e a súa non menos gloriosa modernización forzada. O tsar Pedro que ollaba babexante para occidente quería ter a súa Viena, o seu Londres ou o seu París, e non parou en cativezas; chantou a súa capital nas xunqueiras do Neva aínda que fose secándoas con corpos de servos. Durante douscentos anos foi capital do imperio. Cando o oso ruso tornaba os ollos de occidente e ollaba para as esencias eslavas mudáballe o nome, daquela era o Petrogrado das revolucións de 1917. Os bolxeviques deixárona sen a capitalidade, pero tras a morte de Lenin compensárona trocándolle o nome do tsar polo do líder falecido ao que Putin considera santo. Ficou como Leningrado durante setenta anos, mais a reviravolta da historia devolveulle o vello nome petrista e occidental. Mais como a cousa segue aí, aí, entre oriente e occidente, a actual San Petersburgo segue a ser a capital da rexión autónoma denominada Leningrado, non vai ser! A historia escrita no nome da cidade.

Ao igual que a outra gran capital europea; aínda que como esta, só en aparencia periférica. Se unha é recente, a outra afonda nos tempos recuados de séculos antes do actual xeito de contar. Aló, hai case tres mil anos, en honor dun rei de Megara, chamáronlle Bizancio á nova colonia fundado por xente orixinaria desta cidade grega. Persas, atenienses, espartanos, macedonios, tracios… andaron tras dela ata que chegaron os romanos. Un deles encaprichouse da fermosa cidade do Bósforo, engrandeceuna como se fose unha nova Roma e chamoulle Constantinopla. Acabaríase convertendo en capital do Imperio Romano de Oriente. Perviviu, en mudanza lampedusiana e nominal, recollendo a vella denominación grega, aínda que a cidade se seguise a denominar Constantinopla, como aínda se fai hoxe entre os gregos e outros veciños europeos. En 1453 abaneou Europa e o último emperador Constantino XI seguía preocupado pola eterna discusión sobre o sexo dos anxos sen se decatar de que tiña os otománs na porta da cidade que eles chamaban Istambul. Un exceso de historia.


Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.
Publicado o 30 Xul 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies