• Segue conectado
  • |

O máis humano é discrepar.

Empezamos a notar como aquela idea de liberdade e de democracia como mal menor. Esvaece novamente aquela ansia de, por fin, ser persoas satisfeitas de ter nacido, traballado e loitado por facer un mundo mellor desde o aporte que cada un de nós facemos. Esvaece a idea aquela, sublime, ao ver aos que pensan por nós os que lexislan por nós, os que interpretan por nós, os que se rin de nós, os que deciden por nós un mundo que, eles ben saben, non queremos. Por iso son os que mexan por nós, e eu insisto en saberme non representado por eles, pois engaiolan a titiriteiros que –exercendo a liberdade expresiva- rin deste mundo ao que nos trouxeron aqueles que din gobernarnos e non o fan. Tampouco me sinto representado polos que meteron no cárcere a inocentes que, sinxelamente, discrepaban. Aos que se lles inventaron crimes inexistentes, aos que se lle demonizaron intencións terroríficas. Son tamén malos xestores, moi malos, non hai que ser moi listos para ver o cada vez máis inxusto reparto da riqueza. Non, non me sei representado polos que roubaron tanto, polos que protexeron a bancos e a corruptos, polos que non perseguen o crime manifesto e organizado, polos que puxeron a sanidade e a educación no precipicio da indignidade e a vergoña, no maltrato e desconsideración dos que non se valen e, precisamente por iso, son castigados deste xeito que todos os días vemos, diante dos ollos. Non, claro que non, a min non me representan eses que menten desde a boca e as ideas. Aqueles que perderon o creto unha e mil veces. Aqueles que agachan malediciencias e mentiras, leis mordaza para protexerse. Todo un mundo de recortes para os demais. Todos os días se descobren novos abusos, novas guerras que ocultan ás vítimas e aos verdugos. Os medios de comunicación están xordos diante da dor dos que sofren e están mudos para ocultar os que, por detrás, lles dan a subvención mensual do crime participado. Con tristeza vemos que isto non funciona, que vai a menos. Que a liberdade ten moitas perdas. Que a dignidade ten moitas máis. Que o que nos viñeron contando era mentira e segue a ser mentira. Por riba as leis non se executan para responder a este estado de caos absoluto. Non hai traballo e o que hai, é deplorable, sempre precario. Non hai vivendas para os marxinados, a xente segue a buscar na caridade e nos cubos do lixo. Eles, alá arriba, están ben alimentados. Lonxe de calquera dor que poidamos ter nas nosas carnes. Pero non lles chega con iso, foron debilitando as apostas de futuro, fóronnos vendendo e acabando con el. As perspectivas de recuperación, de rexeneración, de benestar e de futuro, están polo chao. Hoxe criminalízase todo. Todos están de acordo. Lanzan o bulo, e todos menten. Non só se criminaliza á ficción, tamén as presuntas intencións, remotas e hipotéticas, que elaboran eles, na súa mente parabólica, tal coma o censor de turno doutros tempos. Criminalizan os soños, sobre todo aqueles nos que eles non están de protagonistas, onde se podía respirar con sosego, sen especulacións, sen roubos, sen ameazas e medos, sen recortes de vida, sen que eles destrocen máis o pouco que nos queda, o pouco que deixaron tras do seu paso. Pola contra, cando non puideron/souberon/quixeron resolver problemas políticos, de materia política, mandáronllos á xustiza, evadindo a súa responsabilidade. Para que valen, pois? É moi certo, xa o dixo aquel tolo sabio e sabido que habita os eidos da nostalxia: estámosche ben amolados! E a todo isto só lle resta poñer voz, darlle ao pobo a determinación da palabra. Cómpre que os medios de comunicación, mediatizados tanto, recuperen a capacidade de ser canle comunicativa de todas as voces, pero sobre todo daquelas que están caladas, abafadas no medo, desquiciadas no esperpento ou sumidas no desespero. Cómpre recuperen a liberdade e poida ser, un día, realidade a recuperación dun presente e dun porvir que, polo de hoxe, nos miran desconfiados. Eu avogo por medios de humilde trascencendia pero veraces. Por comunicadores que non se lles note submetidos a ningunha parcialidade comercial ou económica. Eu aposto polas Novas do Eixo Atlántico, por exemplo, para dar voz aos que menos voz teñen e para promover a autocrítica e a discrepancia. Haberá algo máis humano?


Mestre e músico.
Publicado o 13 Mar 2016.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies