O luns comezarán as obras de acondicionamento dos xardíns de Troncoso

Suporán o investimento de case 49.400 € ao abeiro do Plan Concello 2017. Teñen un prazo de execución de mes e medio

Tui | O próximo luns, 23 de setembro, comezarán as obras de acondicionamento dos xardíns de Troncoso financiadas ao abeiro do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra. Teñen un prazo de execución de mes e medio. O obxectivo é rexenerar este espazo público situado no Paseo Familia Álvarez Blázquez que comunica o céntrico Paseo da Corredoira coa rúa Antero Rubín. A zona sobre a que se vai actuar era un dos antigos baluartes da muralla da cidade polo que as actuacións a realizar contarán cun control arqueolóxico durante a obra.

O novo deseño a executar nas próximas semanas busca potenciar a condición de lugar tranquilo, rodeado de natureza, deste espazo ao tempo que crear un espazo sensitivo coa combinación de árbores de sombra coma tilos con céspede e plantas aromáticas coma lavanda, tomillo, santolina, salvia e setos de buxo. Dotarase a todos os xardíns de sistema automático de rego.

Os elementos existentes na actualidade coma a balaustrada de pedra, as pérgolas, a fonte, unha paxareira, e as farolas serán retiradas e depositadas na nave municipal en Guillarei para a súa recuperación e posterior uso noutros espazos. Igualmente as plantas existentes na actualidade, que serán retiradas plantaranse, noutros lugares. Manterase no seu actual emprazamento tanto o busto de Sócrates coma o monumento a Faustino Rey Romero.

As obras foron adxudicadas por importe de 49.388,06 € á empresa Excavaciones Y Construcciones Manuel Pérez Portela, S.L.

Dende o Concello de Tui faise un chamamento á poboación a respectar a zona de obras, que estará debidamente sinalizada, para evitar calquera tipo de risco mentres duren os traballos.

A concelleira de Urbanismo, Yolanda Rodríguez, supervisou hoxe xunto á empresa adxudicataria e técnicos, o lugar onde se van realizar as obras a partir do próximo luns.