• Segue conectado
  • |

O Festival de Cans recollerá este venres o Premio da Cultura Galega da Xunta de Galicia

Cerca de medio centenar de veciñas e veciños de Cans, acompañados pola alcaldesa Eva García de la Torre, desprazaranse ata o mosteiro de Montederramo para estar presentes na entrega do prestixioso galardón.

O Porriño | O intenso traballo do Festival de Cans nas últimas edicións foi recoñecido este ano co Premio da Cultura Galega que outorga a Xunta de Galicia e que, este venres 11 de xaneiro, o Festival recollerá nun acto institucional no mosteiro de Montederramo (Ribeira Sacra) da man do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Ademais, tamén está prevista a asistencia de numerosas personalidades da vida cultural e política de Galicia.

O Premio da Cultura Galega é o galardón máis relevante en materia cultural que otorga a Xunta de Galicia, e será a primeira vez que se conceda a un festival de cinema. O Festival de Cans recibirá o galardón – unha estatuiña do escultor Acisclo Manzano- xunto a personalidades de gran traxectoria no eido da cultura galega, coma o historiador Ramón Villares, o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo ou o prestixioso filólogo e investigador Antón Santamarina, ou a creadora Luz Darriba, entre outros.

O premio será recollido por Keka Losada -Presidenta da Asociación Arela-, Alfonso Pato -director do festival- e a “Señora Alicia”, veciña que con 90 anos se converteu nunha das grandes iconas da aldea de Cans.

Con motivo desta ocasión excepcional, cerca de medio cento de veciñas e veciños que colaboran habitualmente co Festival Cans desprazaranse ata o mosteiro de Montederramo convidados pola Consellería de Cultura da Xunta e polo propio Festival. A veciñanza de Cans tamén estará acompañada pola alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre, nesta cerimonia de entrega á que están convidadas arredor de 300 persoas.

Moitas destas veciñas e veciños colaboran cedendo as súas casas, prestando os seus jalpóns e alpendres e poñendo os seus chimpíns a disposición das persoas que visitan este certame que traballa a prol da divulgación do traballo dos creadores e creadoras audiovisuais e que reune en cada edición arredor de 12.000 persoas. En representación de todas as veciñas e veciños recollerá o premio Alicia Sánchez, a Señora a Alicia, que presta a leira para os coloquios e o seu jalpón. Con 90 anos, a Señora Alicia segue a ser unha das colaboradoras máis fieis e entusiastas do festival. Acompañarana na recollida do premio Keka Losada, Presidenta da Asociación Arela, e Alfonso Pato, director do Festival.

Con este Premio da Cultura Galega o Festival de Cans convértese nun dos eventos culturais máis recoñecidos de Galicia, avalado por unha traxectoria de múltiples galardóns de prestixio. Entre estes recoñecementos está o Premio da Crítica de Galicia á mellor iniciativa cultural (concedido en 2009), o Premio Cultura da Deputación de Pontevedra ao mellor proxecto cultural innovador (no ano 2011), ou Premio Internacional Ateneo de Ourense ao fomento da cultura (recibido en 2013).

Outros galardóns recibidos foron o Premio Círculo á traxectoria cultural, recibido en 2010, ou Premio Ascaso, concedido polo singular Festival de Ascaso (Huesca) en 2015, pola divulgación do cine de autor no entorno rural.

O Festival de Cans, que celebrará entre os vindeiros 22 e 25 de maio a súa XVI edición, abriu esta mesma semana a convocatoria para a recepción de obras a concurso, que se prolongará ata o 3 de marzo.

Publicado o 10 Xan 2019 en Axenda, Cultura, O Porriño, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies