O BNG rexeita deslocalización das vendedoras da "carreira"

Os nacionalistas tentarán que o Pleno obrigue a Solla a rectificar a decisión

O BNG de Ponteareas, a través da concelleira Verónica Carrera, denunciou o novo ataque do Alcalde, Salvador G. Solla ao mercado e comercio local pola decisión de trasladar o pasado sábado, a tradicional venda dos produtos do noso agro coñecida como “A carreira” para a praza situada na parte superior do Auditorio.
Con esta decisión, da que tamén é corresponsable a concelleira de comercio Marisol Valado, por mor das obras da planta do peixe da praza de abastos, as vendedoras da carreira, ubicadas na zona das carnicerías, foron trasladadas a intemperie enriba do Auditorio Municipal. “Coa decisión de afastar as vendedoras da ubicación tradicional, que se situou desde sempre no entorno da praza de abastos, Solla e Valado continúa a arruinar os mercados”, afirmou a concelleira do BNG
Para Verónica Carrera, é lamentable comprobar a falta de apoio cara a agricultura tradicional e o desprezo polos produtos do noso agro por parte do PP. A concelleira nacionalista non alcanza a entender porque o governo de Solla, decide nun momento de crise como a que vivimos, poñer en serio perigo esta actividade, xa de por sí castigada, deslocalizando o seu asentamento habitual, ao mesmo tempo que amosa unha falta de sensibilidade cara os potenciais compradores obrigándoos a desprazarse a propósito ata a nova ubicación, que ademais, non conta con accesos axeitados para unha grande parte da clientela habitual como son as persoas de máis idade.
Os nacionalistas avogan porque mentres duren as obras, que se ubique “a carreira” nun lugar visible e accesible como é a rúa entre a praza de abastos e a entrada do auditorio, para contribuír ao normal funcionamento do intercambio comercial dos seus produtos, que non esquezamos constitúe unha fonte de ingresos para as castigadas economías familiares do noso medio rural. Verónica Carrera adiantou que o BNG levará unha moción neste sentido ó Pleno de mañá martes para obrigar ao Alcalde e a Concelleira de Comercio a rectificar a súa decisión. De continuar afastadas do espazo habitual, os prexuízos serían considerables como quedou posto de manifesto o sábado, onde a escasa afluencia de clientes era notoria, incluso nunha hora punta (11:00) como pode apreciarse na foto que se acompaña.