O Bng reclama á UE a sinatura dun convenio con Noruega que garanta os dereitos dos Galegos Retornados

A eurodeputada do Bloque lembra que esta situación xa foi tratada na Comisión de Peticións pero segue sen solución

Bruxelas | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclama que a Unión Europea inste aos gobernos de España e Noruega a asinar con urxencia un convenio bilateral que teña por obxectivo garantir os dereitos dos traballadores afectados. Así o demandou tras presentar unha pregunta por escrito á Comisión Europea sobre a situación do persoal que desenvolveu parte da súa vida laboral en Noruega, máis de 12.000 galegos, pero aos que este Estado non lles recoñece os seus dereitos.

“Pese aos anos de vida profesional desenvolvidos, Noruega non lles recoñece os seus anos de cotización”, denunciou Ana Miranda, quen asemade criticou que a Unión Europea desenvolva convenios bilaterais en materia de pesca ou libre circulación de mercadorías pero non en política social.

Neste sentido, o BNG quere que a Unión Europea inste ao Estado Español e a Noruega a asinar de xeito urxente un convenio bilateral de carácter retroactivo que garanta o recoñecemento dos dereitos dos traballadores retornados. Ana Miranda lembra que a situación de discriminación deste colectivo, agrupado na asociación Long Hope, xa foi tratada na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo en 2011 con ese compromiso. “Aínda así segue sen solución”, denuncia a eurodeputada nacionalista.

Segundo Long Hope, Noruega non recoñece pensións de xubilación aos traballadores do mar embarcados nos seus buques até o ano 1994, por carecer da condición de residentes mentres traballaban alí, pese a que alí pagasen os seus impostos. Esta desprotección acentúase en tanto que o Estado español non computou o tempo de embarque nestes buques para o cálculo de prestacións de seguridade social.

Corrixir a discriminación

O Bloque considera que se debe corrixir a desigualdade de trato en materia de seguridade social que supón a vulneración do artigo 14 do Convenio Europeo de Dereitos humanos relativo á “prohibición de discriminación”. É o caso que, segundo a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, hai diferenza de trato discriminatorio por razón de nacionalidade, ao non esixirse a residencia, polo contrario, os nacionais noruegueses empregados nos mesmos barcos, sen que exista xustificación obxectiva e razoábel para iso.