• Segue conectado
  • |

O BNG denuncia que Galiza incumpre a xestión de residuos sólidos e a normativa europea de reutilización e reciclaxe

Ana Miranda lamenta o atraso no trámite da Petición presentada pola Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe en 2014

Bruxelas | A eurodeputada do Bloque no Parlamento Europeo, Ana Miranda, participou hoxe na Comisión de Peticións da que é titular para denunciar que o Goberno galego incumpre a normativa comunitaria en xestión de residuos por non estabelecer a súa xerarquía e por non realizar medidas de prevención e preparacións para a reutilización e a reciclaxe.

Na súa intervención Miranda lembrou a Petición presentada no ano 2014 pola Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe, composta por 35 asociacións e organizacións, e queixouse polo retraso que leva esta denuncia. “Tivo que vir o BNG para que este tema sexa tratado por fin na Eurocámara. Queremos que esta petición se trate o antes posible porque levamos catro anos agardando”.

O Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza foi aprobado en 2011 e cofinanciado pola Comisión Europea con 72 millóns de euros. Este proxecto presenta o problema de que promove o modelo de xestión e as instalacións de SOGAMA, e se caracteriza por basearse nun sistema centralizado de tratamento no que os residuos percorren grandes distancias dende onde se xeran ate as instalacións de tratamento, cun alto consumo enerxético na recollida e no transporte.

“Lamentablemente, este modelo ineficiente e contaminante é maioritario en Galiza”, denunciou a eurodeputada do BNG, quen afirmou que o modelo SOGAMA incumpre a aplicación da xerarquía de xestión de residuos e diferentes elementos normativos relacionados coa eficiencia enerxética esixida á incineración con recuperación de enerxía para poder considerala como valorizacións no canto de eliminación. A eficiencia de SOGAMA é moi inferior ao valor mínimo do 0,6% establecido pola Directiva 2008/98/CE de residuos.

Excesivos recursos para a eliminación

Ana Miranda criticou, apoiando a denuncia da Plataforma galega, que o actual Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza (2010-2020) non modifica o plan de 1998 pois continúa a ter unhas instalacións sobredimensionadas e financia a eliminación en vez da recuperación e reciclaxe. Neste sentido explicou que destina 3,4 veces máis recursos económicos a cada tonelada eliminada que a cada tonelada reciclada e 7, 2 veces máis recursos económicos a cada tonelada eliminada que a cada tonelada prevenida. Estes datos significan na práctica que non se acadan os obxectivos de prevención e preparación para a reciclaxe.

Para o BNG “é unha fraude á normativa europea de prevención de residuos, pois non realiza a recollida separada para a valorización e a promoción da reutilización e a reciclaxe”. A estes inconvintes súmanse os altos custes de transporte deste modelo debido á centralización de residuos, ao ter que percorrer distancias de máis de 100 quilómetros.

Isto a súa vez supón un aumento da contaminación oposto aos obxectivos medio ambientais europeos, incrementando o cambio climático e pondo en perigo a saúde e o medio ambiente. O Goberno do PP promociona un modelo centralizado en vez de atender ás normativas europeas que obrigan a un modelo descentralizado de tratamento de residuos de proximidade, e consolida un modelo ineficiente e cun gran impacto ambiental.

Publicado o 22 Mar 2018 en Medio Ambiente, Política, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies