• Segue conectado
  • |

“Nunca houbo desafección das autoridades á figura de Rosalía”

Anxo Angueira | Presidente da Fundación Rosalía de Castro

Foto: Adrián Estévez

Anxo Angueira (Dodro, 1961) leva seis anos á fronte da Fundación Rosalía de Castro. A súa presidencia está marcada polos acordos e investimentos das administracións públicas tanto na fundación como do padroado. O obxectivo é ter aquelada a Casa Museo de Rosalía de Castro logo de tempo sen que se fixesen obras de restauración. Por outra banda, a incorporación ás redes sociais, así como a dixitalización de parte do patrimonio escrito, están actualizando unha institución que reclamaba a súa incorporación aos tempos actuais. Por outra parte, o patrimonio material aumentou grazas ás aportación de entes públicos. O mesmo Anxo Angueira fala con NEA sobre estes e outros puntos.

Nos últimos sete anos a Fundación levou adiante unha serei de reformas. Que impediu afrontar os traballos ata o momento?

Seguramente a falta dun proxecto para traballar na restauración e ampliación da Fundación.

Cales eran as necesidades máis imperiosas?

Cando accedín á presidencia era fundamental afrontar a conservación da Casa Museo e a rehabilitación interior e tamén a actualización do discurso expositivo. Era urxente.

Outra tarefa acometida é a de dixitalizar os fondos da Fundación. Estes traballos están rematados?

Nese tema foi fundamental recuperar o arquivo da Fundación. Non estaba ordenado, nin en bo estado, o arquivo histórico quero dicir. Eran moitos papeis, documentos e era necesaria a ordenación de todo este patrimonio. Foi un traballo sucinto porque todo estaba desordenado e sen catalogar. Agora si que estamos en proceso de dixitalizar parte deste material. Non todo porque é moitísimo pero si unha parte.

Parte dos fondos para a rehabilitación foron aportados por organismos públicos. Houbo desafección pola figura de Rosalía e o que representaba para non ter participado con anterioridade?

Non, nunca houbo desafección por parte das autoridades de cara á figura de Rosalía. As principais institucións que colaboran son a Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, os concellos de Padrón e Compostela. Nunca houbo desatención, pero si houbo un momento histórico no que esas axudas eran moi escasas para manter viva a Fundación.

O ano pasado a Deputación da Coruña entregou tres cadros do fillo de Rosalía, Ovidio, para seren expostos na casa museo.

Claro, é que outra cousa á parte dos ingresos económicos está a protección e colaboración a outro nivel. No caso da Deputación foi magnífica a colaboración que esta institución mantivo coa Casa, porque? Porque nos cedeu fondos que gardaba e custiodaba a Deputación relacionados con Rosalía e a familia. Fondos como o cadro de Brocos, que nos deu hai anos, ou o guedecho de pelo ou os cadros de Ovidio Murguía. Isto enriquece o noso patrimonio expositivo.

A Fundación está presente nas redes sociais, pero poderíase mellorar dita presenza?

Un dos grandes avances que fixemos foi a nosa política de comunicación desde que asumín a presidencia. Creo que foi un avance moi grande para comezar a difundir a nosa actividade das redes sociais. Nese sentido estamos moi contentos, temos unha web nova, temos seguidores no Twitter e Facebook. Son fiestras magníficas a través das que se pode observar a nosa realidade e a nosa proxección social. Así que nese sentido, penso que pouco máis podemos facer.

A presenza de Rosalía de Castro está diluída ou é máis forte dentro da literatura galega contemporánea?

O peso de Rosalía é extraordinario na Galicia contemporánea. É unha figura viva e sobre a que non pasou o tempo dun xeito que deteriorase a súa figura. Ao contrario, Rosalía mellorou co paso do tempo, sendo unha figura viva na escola, na academia, no mundo do asociacionismo e noutros campos. Non fai falta máis que ver como arredor do Día de Rosalía de Castro, está habendo un remuíño de actividades. Nós desde aquí estamos lanzando unha que ten moi boa acollida que é O Caldo de Gloria.

Que outras actividades nos esperan neste ano?

O do Día de Rosalía é algo fundamental. Nós tamén imos presentar tamén o número dous da revista Follas Novas, que é anual. Seguiremos facendo os Encontros na Casa de Rosalía de Castro agora en marzo, e nese mesmo mes celebraremos o Día da Muller Traballadora cun acto especial. Arredor do 17 de maio, Día das Letras Galegas teremos tamén actividades e o 15 de xullo, día do pasamento de Rosalía nesta casa, facemos un acto na horta e non deixaremos de facer a homenaxe do mundo do mar á poeta navegando en dorna polo río ata chegar á estatua de Rosalía no Espolón. Non faltan actividades para esta fundación.


Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.
Publicado o 25 Feb 2018 en Entrevistas.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies