A Mesa esixe a dimisión da Valedora do Pobo

A asociación en defensa e promoción do galego deixará de tramitar cuestións de lingua con esta institución

SANTIAGO/A Mesa pola Normalización Lingüística esixe a dimisión da Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, por un novo desprezo por parte da responsábel desta institución ante a vulneración de dereitos lingüísticos.

A Mesa recibiu un novo escrito da Valedora do Pobo, no cal se xustifica a deturpación dos nomes de núcleos de poboación e demais topónimos “cando sexa necesario e a efectos de identificación”. Isto atenta contra o artigo 10 da Lei 3/1973 do 15 de xuño de normalización lingüística que especifica que Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega” así como que estas denominacións son as legais a todos os efectos. Outra da normativa que incumpre esta resolución da valedora é o decreto Decreto 219/1998, do 2 de xullo, onde aparecen as formas toponímicas xenuínas e oficiais correspondente ás entidades de poboación das provincias de Pontevedra.

Esta é unha nova mostra de desprezo e racismo lingüístico da responsábel da institución, pois xa se produciron casos de vulneracións de dereitos lingüísticos que, lonxe de ser investigados pola Valedora, contaron co seu amparo.

Estamos a falar dos casos de xustificación do abuso de poder contra unha nena de 9 anos á que lle restaron puntos nunha redacción escolar por empregar Galiza, a petición da retirada dun cartaz dunha campaña de normalización lingüística levada a cabo por un centro educativo ou a xustificación da redución de horas de galego por mor da LOMCE. Estas son só algunhas das centos de queixas que se lle enviaron á Valedora e que esta desatendeu.

O presidente da Mesa Marcos Maceira argumentou que “a Valedora actúa nas cuestións relacionadas coa lingua galega cunha visión ideolóxica e sectaria”. Critica que a Valedora “é capaz de retorcer a lexislación para chegar á súa conclusión prefixada a costas á súa función” e que  “non pode continuar no seu cargo un minuto máis”.

Maceira engadiu que “coa súa actitude mal pode arrogarse a nobre defensa da sociedade galega nin ser a súa valedora a quen está máis preocupada por defender o statu quo e preeminencia do castelán que aplicar a lei de forma xusta, ponderada e equilibrada”. “Non pode continuar no seu cargo un minuto máis” concluíu.