• Segue conectado
  • |

Leiceaga reclama un pleno extraordinario esixindo explicacións a Feijóo

Pide ao presidente que explique a utilización partidista da Xunta "ao servizo do PP" tralo cambio de delegado en Vigo

Santiago/PSdeG | O presidente do PSdeG e voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe que pedirá a comparecencia de Feijóo para explicar por que pon a delegación da Xunta en Vigo “ao servizo do PP” e non, como debera, enfocada a “todos os vigueses”.

Leiceaga critica que a resposta de Feijóo a dúas derrotas electorais consecutivas sexa “confundir a política partidaria e a institucional”

Un día antes da toma de posesión da presidenta da xestora do PP en Vigo, Corina Porro, como delegada da Xunta na cidade olívica, Fernández Leiceaga reprobou que Feijóo “puxo nas súas mans” esta oficina xusto despois de “encargarlle reconstruír o partido” a consecuencia da súa desfeita electoral.

“Alimenta unha confusión, que nos parece perigosa para a calidade democrática, entre o plano partidario e o plano institucional”, recalcou o dirixente socialista, e reclamou a Feijóo que dea “explicacións” sobre este tipo de decisións

Ademais, Fernández Leiceaga observou que “chama a atención” que “a resposta de Feijóo” tras dúas derrotas electorais consecutivas, en alusión á caída do PP galego á segunda posición nas eleccións xerais e europeas, non sexa acometer cambios nas súas políticas senón nos cargos.

“En vez de impulsar novas liñas ou novas accións en materia de vivenda ou de emprego para dar resposta ás necesidades da cidadanía, a resposta de Feijóo se limita a cambiar internamente de posición a uns e outros”, incidiu o presidente do PSdeG, quen sinalou como o caso máis destacado desta praxe o nomeamento de Corina Porro.

“Poñerlle coto”
“A confusión entre política partidaria e institucional deteriora gravemente a democracia e a acción pública”, engadiu Fernández Leiceaga, crítico con que Feijóo acometa cambios no organigrama da Xunta para facer política de partido en Vigo, onde o PP quedou arrasado nas eleccións municipais.

“Temos que poñerlle coto”, sinalou o voceiro parlamentario socialista, consciente de que Feijóo non pode utilizar a delegación da Xunta en Vigo para os intereses do PP, sen respectar á cidadanía que non lle votou, como cando convocou un acto partidista nas instalacións de San Caetano.

Publicado o 14 Xul 2019 en Política, Portada, Santiago de Compostela.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies