Gabriel Tizón inaugura en Bissau a exposición fotográfica ‘Europa, realidade dun soño’

Pontevedra |  A exposición fotográfica ‘Europa, realidade dun soño’ do fotógrafo galego Gabriel Tizón inaugurouse onte 8 de xaneiro en Bafatá (Guinea Bissau) coa participación de máis de 300 persoas. Esta inauguración é a primeira parada do proxecto Causas Comúns, que apoian o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Concello de Pontevedra.

Causas Comúns nace cun obxectivo claro: informar e sensibilizar a través da fotografía como idioma común, tanto ao pobo galego como ao de Guinea Bissau, do cada vez máis evidente incumprimento dos Dereitos Humanos tanto en África como en Europa. A vivenda, o traballo, a comida, a xustiza… Son xa artigos de luxo, non só nos “países pobres” ou empobrecidos.

Despois de experiencias anteriores en Guinea Bissau e noutros países africanos por parte do autor desta mostra, con exercicios similares a esta exposición, son moitas e moitos quen recoñecen non ser conscientes desta realidade, dunha Europa chea de dificultades económicas e sociais, o que nalgúns casos lles fixo reflexionar e reconsiderar a súa decisión de emigrar. Coa exposición ‘Europa, realidade dun soño’ preténdese resaltar a importancia de dar a coñecer esta situación entre o pobo africano, para visibilizar ao que se enfrontan e os obstáculos que se van atopar no camiño a Europa.

Gabriel Tizón e a traballadora social Rocío Botana permanecerán en Bissau até o día 17 de xaneiro realizando distintos obradoiros con fotógrafos locais e líderes de diferentes comunidades, ao tempo que presentan a exposición en diversas vilas do país.

A inmigración no século XXI é, segundo as persoas expertas, un dos principais problemas ao que se vai enfrontar a humanidade. Unha situación que non é nova nin descoñecida para o pobo galego, en particular, e en xeral para o resto da sociedade española, consciente dos custos históricos e sociais da emigración e día a día das graves violacións de Dereitos Humanos que acontecen nas nosas fronteiras.

O proxecto Causas Comúns aterrará a finais de febreiro en Pontevedra da man da exposición ‘África, soños e mentiras’, para tecer unha ponte de solidariedade coas persoas que deciden migrar ao noso país. A mostra presentarase na cidade do Lérez e circulará por distintos centros sociais e de ensino ata o mes de xuño. Posteriormente, a exposición converterase en itinerante entre as administracións socias do Fondo Galego.

Este proxecto está apoiado integramente polo Fondo Galego de Cooperación e o Concello de Pontevedra, en estreita colaboración coa ONG local EACS-D.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.