• Segue conectado
  • |

Foi unha violación colectiva.

Aplicar o Dereito Penal en democracia non é doado. Na dúbida cómpre resolver a prol do acusado e a prol do menor castigo. Non partillo a obsesión polas grandes penas, senón que prefiro que éstas sexan efectivas. Tampouco acredito nos linchamentos nin nas reformas lexislativas en quente e mesmo penso que éstas prexudican aos sectores sociais máis indefensos En realidade, se os feitos de Iruña-Pamplona fosen considerados violación a pena habería abanear entre 12 e 15 anos. Un substancial incremento do castigo, mais non onde moitas persoas quererían levalo.

Mais alén da extensión da pena importa máis a axeitada cualificación dos feitos axuizados. O acoso sexual convírtese en abuso sexual cando concorre violencia ou intimidación. Conceptos ben claros que non precisan de reformas lexislativa ningunha. A violencia é a “vis absoluta” do latín ou a “force” do inglés. Nos feitos de Iruña hai forza nas sucesivas suxeicións dos brazos e pernas da vítima para permitir os sucesivos actos de agresión. Mais, sobre todo, hai unha situación constante de intimidación. A intimidación é a ameaza de usar a forza (“threat of force” en inglés, “vis intimidatoria” en latín). Existe intimidación constante polo apartado do lugar, pola grande diferenza en número (5 a 1), idade e forza física e pola monopolio excluínte da decisión por parte do grupo. Pensemos cál sería a reacción deste no caso dunha negativa da vítima. Supoño que case todos somos quén a albiscala.

Na sentenza non fallou a avaliación das probas para determinar os feitos probados. Fallou a cualificación xurídica, ao non ver os actos puntuais de forza e a intimidación constante. Velaí as altas posibilidades de que as apelacións das acusacións perante o Tribunal Superior de Navarra poidan obter claro éxito e agravar as penas.

Porén, o feito deste grave erro cualificatorio demostra a necesidade de que os xuices que instrúan e axuizen esta caste de delictos acrediten formación abonda en cuestións de xénero e igualdade, como os xuices que actúen en Galicia haberían ter como obriga o coñecemento abondo da lingua e do Dereito do País. Velaí, agora si, unha reforma lexislativa inaprazábel.

Cuestión á marxe é o voto particular do presidente do Tribunal desta primeira instancia, que mesmo achega dúbidas racionais sobre a súa carencia sobrevida de actitudes e aptitudes para xulgar esta caste de comportamentos na sociedade de 2018.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 29 Abr 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies