• Segue conectado
  • |

O Festival Taíña cumpre 15 anos con música de calidade para todas as idades

Livia de Marrao, Elephants Yard, Tati’s Joplin e The Kozmic Blues tocarán o vindeiro 10 de febreiro ás 23.00 horas na Praza de Goián

Tomiño | A Praza de Goián prepárase para acoller de novo o Festival Taíña, un evento musical que celebra os seus 15 anos de vida e que quere facelo co mellor cartel musical posible. O vindeiro 10 de febreiro ás 23.00 horas de xeito puntual comezará un concerto no que participarán tres grupos de Chantada, Vigo e Tui, co obxectivo de dar a coñecer ao público “grupos galegos con distintos estilos musicais”.

Organizado pola Asociación Xuvenil Taíña, de Goián, o festival conta coa colaboración do Concello de Tomiño, da Federación Galega de Festivais, da Comisión de Festas do Entroido de Goián e da Comunidade de Montes de Goián. Con entrada de balde, na praza colocarase unha carpa cuberta para que o público desfrute dunha noite de música e lecer no sábado de Entroido. “Levamos máis de tres meses preparando esta nova edición, con cada vez máis traballo pero con moitas ganas e con moita ilusión”, explica Tania Domínguez, presidenta de Taíña.

Nesta edición abre o cartel Liviao de Marrao, dez músicos chantadinos misturando ska, punk, rock, folk e mensaxe dende 2010. Os seguintes en subir ao escenario serán Elephants Yard, unha banda de reggae formada por varios músicos afincados en Vigo e arredores que levan á práctica varias facetas: baking band de artistas, banda de estudo na súa sede e banda de tributos e versións. Completan o cartel Tati’s Joplin & the Kozmic Blues Band, unha banda nacida no ano 2016 como tributo a Janis Joplin en formato eléctrico con teclado e ventos. Os sete integrantes da banda son de estilos musicais diferentes pero teñen en común o gusto pola música e a grande interpretación de Joplin, coa que queren achegar o rock e o blues a todo tipo de ambientes e lugares.

Con 15 anos de bagaxe detrás, o Taíña xa se pode considerar un festival de renome dentro do circuíto musical, con importantes grupos subindo ao seu escenario edición tras edición. Cada ano máis de 600 persoas de todas as idades desfrutan como público a este evento que “organizamos cada edición coa intención de que dure moitos anos”. Ademais, cada ano o festival abre máis as súas portas, xa que cada vez chega máis público de fóra da localidade para gozar dunhas horas de boa música galega.

Publicado o 24 Xan 2018 en Axenda, Tomiño.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies