• Segue conectado
  • |

Especialistas internacionais debaten esta semana en Historia sobre os cambios na agricultura e na sociedade rural

O II Congreso internacional ‘Transicións na agricultura e a sociedade rural. Os desafíos globais da historia rural’ reúne a partir deste mércores 20 na Facultade de Xeografía e Historia a máis de 400 especialistas en historia rural.

Santiago de Compostela | A inauguración terá lugar ás 9.00 horas no Paraninfo, e a continuación o profesor da Escola Superior de Economía da Universidade de Lisboa Fernando Oliveira, un dos mellores sociólogos rurais do mundo e que fora ministro do Goberno Portugués na revolución de 1974, pronunciará a conferencia plenaria ‘Pasado e futuro da agricultura na Europa e na América’. Toda a xornada continuará con comunicacións e relatorios sobre a propiedade, organización e xestión comunais desde a Idade Media ata a transición agroecolóxica.

O encontro, que supón a sétima edición do Encontro RuralReport e a décimo sexta do Congreso de Historia Agraria, debaterá os efectos que as intensas relacións entre continentes, civilizacións e culturas provocan na agricultura, propiedade, sociedades rurais e medio ambiente.

O obxectivo é ofrecer un enfoque transnacional e transcontinental da historia rural e contribuír ao desafío de crear un espazo global de debate neste eido. Este congreso inclúe contidos sobre a paisaxe, os recursos naturais e sustentabilidade dos mesmos e os fenómenos climáticos. Así, tamén se analizarán os retos do mundo rural do presente e as respostas que ofrece a Historia Rural nos últimos tempos.

Durante un encontro cos medios de comunicación esta mañá, o catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto, asegurou que o encontro trata temas de gran actualidade como as pragas, o cambio climático e a ruralidade do mundo global. “Na historia podemos atopar as claves para solucionar cuestións actuais”, afirma.

A presentación tamén contou con membros do comité organizador como o investigador Daniel Lanero, quen destacou que o encontro é tamén “un retorno do interese polo político e polo social, en relación aos conflitos ambientais, as mobilizacións sociais e as políticas do mundo rural”, ao que engade a importancia de “amosar a historia agraria dende unha perspectiva de xénero”.

Pola súa banda, o profesor Miguel Cabo Villaverde puxo o foco de atención na multidisciplinariedade do congreso e indicou que era preciso “observar o pasado cunha mirada de presente e dende a visión dun sociólogo, un economista, un antropólogo ou outros ámbitos de estudo”.

Publicado o 19 Xuñ 2018 en Portada, Universidade.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies