De tempos pasados e de incertos futuros.

Cando un chega a vello (os meus fillos dinme que non son vello, que estou maior; que máis dará, son simples eufemismos para disimular algo que non ten volta atrás), cando pon o espello retrovisor e se retrotrae aos anos da infancia decátase de moitas cousas, pero tal vez, polo menos no meu caso, unhas sobresaen por enriba das outras. Imaxes que seguen gravadas na mente e que de cando en vez nos arrodean como se quixeran defendernos de algo. Aquilo de que calquera tempo pasado foi mellor ten neste caso algo de verdade.

Daquela os nenos/as da aldea, e xa non tan nenos/as, viviamos nunha especie de burbulla que apenas nos permitía ver máis aló do noso reducido círculo tanto xeográfico como familiar, persoal. As nosas diversións, os nosos xogos tiñan un efecto inmediato nas nosas vidas. Eramos felices ou desgraciados pero alí, sen máis proxección. Nas nosas mentes non cabían frustracións serias; tiñamos desgustos e fracasos, ata os amorosos, que se solucionaban con certa facilidade. Ninguén falaba de persoas que toleaban por fracasos amorosos ou de nenos que tiñan problemas escolares pola falta de cariño dos seus pais ou do comportamentos dos demais rapaces da escola. Ese mundo non existía. Ni se lle esperaba.

Faltaban alimentos; había falta de todo, si; pero o pouco que se comía era san. As familias máis necesitadas, que tamén había en todas as aldeas, tiñan que valerse da forza dos seus brazos para , traballando nos campos dos demais, poder comer diariamente un par de veces, polo menos. As familias máis potentadas apenas tiñan que saír da aldea para dispoñer de comida diaria para os seus e para os xornaleiros. O porco, as galiñas, os ovos, os pitos, as ovellas, a horta, a artesa, eran fontes de alimentación propias que ofrecían o 90% dos alimentos que se consumían. Miña nai apenas ia unha vez por semana á praza de Ponteareas par mercar carne ou algunha roupa especial. O resto xa o facía a costureira que se apañaba con todo tipo de vestimentas. Novas e con remendos. Pero non había veciños comendo os restos que sobraban porque, unha, non sobraban e outra, serían transformados en esterco para as hortas e os campos. Seguindo o principio da física, nada se acababa senón que se transformaba.

Eramos felices xogando con pelotas de trapo (as medias de miña nai, unha vez usadas e de que maneira, servían para confeccionar unha estupendas pelotas con lá no interior que ata botaban como se de goma se tratara); os partidos de fútbol descalzos, sobre todo no verán , eran moi disputados. Non sabiamos nada do Madrid nin do Barcelona ( apenas escoitabamos falar aos vellos do Celta de Vigo), para que? Nós eramos os propios referentes deportivos. Algúns xogaban ben e outros soamente lle daban patadas a pelota. Pero todos nos divertiamos á nosa maneira. Nos tempos dos nenos andar polos montes e ribeiras espiando as rulas, as melras para saber onde fixeran o niño; subir ao máis alto dun piñeiro gabeando polo tronco arriba para examinar un niño de corvo eran actividades que enchían as nosas aspiracións de nenos, sobre todo; as rapazas sempre foron máis recatadas e non se atrevían a gabear porque deixarían ao descuberto elementos púdicos dos seus corpos que tiñan prohibido mostrarnos aos rapaces. Aínda que as había atrevidas que non respectaban os consellos familiares.

Cando xa ias entrando na adolescencia o panorama que se presentaba diante de ti íase complicando un chisco. Había que tomar decisións: estudar máis ca o habitual (as catro regras que se dicía); aprender un oficio: carpinteiro, canteiro, albanel e pouco máis, ou continuar, coma teus pais, e seguir fozando na terra. Quedaban aqueles, coma no meu caso, que tiñan a sorte, porque hai que chamarlle así naquel contexto social, de continuar estudios máis aló da escola da aldea.

Pero aínda nestes casos contados (eu fun o primeiro rapaz que seguiu estudios despois da escola na miña aldea) as aspiracións persoais eran limitadas. O mundo exterior era algo descoñecido, incomprensible, inabordable. Os medios de comunicación apenas existentes aínda non se afixeran a “contaminar” as mentes do poboación. Logo non nos imaxinabamos cousas raras que puideran producirnos traumas, frustracións, desgustos serios que marcaran as nosas vidas. Eramos pobres no senso extenso do termo, pero dentro daquela pobreza de todo tipo eramos máis felices do que son os nenos/as destes momentos. Ou así o penso eu.

Estou reclamando unha volta á miseria, a falta de horizontes, de perspectivas de futuro? Non, Deus o fixera mellor, que dirían os máis vellos do lugar. Soamente quixen expoñer estas miñas lembranzas para situar as reflexións que hoxe me veñen ao maxín e quero ofrecerlles.

Xa nos anos 50/60 e de aí en diante, a sociedade avanzou unha barbaridade; tamén as aldeas foron “vítimas” dese avance.

A xente do rural botou a correr cara as cidades. Ofrecíaselle o ouro e o mouro. As escolas foron pechadas na súa maioría porque xa non quedaban, non quedan, nenos/as para ensinar. O mundo da ciencia descubriunos horizontes insospeitados . Hoxe dinnos que dentro de pouco poderemos viaxar á Lúa (de momento o Sol non está ao noso alcance); cabe a posibilidade de vida noutros planetas do sistema solar; xa existen coches sen condutor; os supermercados de proximidade lévannos todo a casa; o que precisamos e o que non precisamos; ás tendas de ultramarinos (as que aínda resisten son pezas de museo, como a de Telmo que lle chaman o Corte Inglés de Angoares); as vilas , aínda as pequenas, dispoñen de centros de ensino medio; unha grande maioría de alumnos/as van ás universidades para facer estudos superiores; os avións lévannos en poucas horas aos confíns do mundo; o tren AVE, o máis rápido ata este momento, corre coma unha centella polos campos de Castela (polas nosas corredoiras teno prohibido, de momento) ; en fin, vivimos nun mundo feliz que diria Aldous Huxley.

Sen embargo, o horizonte está poboado de nubarróns tan negros que só poden presaxiar fortes tormentas. Os centros de ensino non dan apagado os lumes entre pais, alumnos e profesores; os centros sanitarios non dan feito para atender aos doentes; a mocidade formada a niveis nunca soñados vaga polas rúas sen saber que facer das súas vidas; as institucións dan a voz de alerta sobre o que comemos; corremos o risco de estar envelenándonos cada dia un pouco máis. As fábricas antes tan apetitosas para os habitantes do mundo rural mercan robots e mandan os obreiros ao paro. Xubilan a homes e mulleres con 50 anos e logo a hucha das pensións estase baleirando e dinnos que non saben se poderán cobrar pensións os que hoxe teñen 40 ou 50 anos. O mar estanos avisando de que como sigamos abusando del vainos dar unha leccións que non esqueceremos mestras vivamos. Non sabemos que facer cos residuos perigosos que xeramos; de momento enterrámolos, unha pequena parte, no fundo mariño, pero cando saian a superficie, que sairán, envelenarannos a todos sen posibilidade de escape. Por se a traxedia de Hirosima e Nagasaki non fora suficiente, nestes momentos dinnos que estamos a punto de asistir a un conflito bélico de incalculables proporcións. Os alimentos que tomamos (envasados, empaquetados, quen sabe como) son cada dia unha fonte de perigo alimentario. Acabaremos todos envelenados, pouco a pouco. O xeo polar estanos dicindo que se seguimos abusando da súa paciencia, calquera dia danos un baño do que non sairemos para contalo, pero os novos donos do mundo (léase Trump e a súa tropa) din que aínda non son suficientemente ricos para parar de contaminar e acelerar o efecto invernadoiro, etc. etc., etc. Este é o mundo no que vivimos os vellos e o que lles deixamos aos novos.

Díganme agora se nos trouxeron a un mundo mellor? Díganme agora se podemos dicirlle aos nosos fillos, netos e os que veñan detrás que a sociedade mellorou, que van ser máis felices do que fomos nós nos tempos da fame e do atraso cultural. Eu non me atrevo.

E non lles falo das liortas políticas porque xa me da noxo, aínda que non están libres de que o faga calquera dia. Aí tamén temos tela que cortar.

Logo duns días de recollemento e de tostarse ao sol que se adiantou apréstense para enfrontarse a un futuro que nada podemos cambiar, só soportar da mellor maneira posible.

Que sexan felices se poden.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»