O Concello de Santiago lembra as vítimas do terrorismo e a José Martí.

Santiago de Compostela | O Concello de Santiago celebrou este martes cadanseu acto institucional para lembrar ao escritor e político cubano José Martí e as vítimas do terrorismo, en particular a Miguel Ángel Blanco con motivo do XX aniversario do seu asasinato.

Tal e como acordara o Pleno da Corporación, a proposta do PP, o Concello impulsou a colocación dunha placa en recordo do concelleiro de Ermua no parque da Constitución. Nela tamén se lembra “ás veciñas e veciños de Santiago de Compostela e a todas aquelas persoas que deron a súa vida polas liberdades públicas, que foron vítimas do odio e da intransixencia daqueles que lexitiman a forza, a violencia e o medo para mudar a vontade popular”.

A placa foi descuberta nun acto no que participaron a presidenta da Fundación Vítimas do Terrorismo e irmá de Miguel Ángel Blanco, María del Mar Blanco; o alcalde, Martiño Noriega, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Tamén asistiron o presidente do Parlamento Galego, Miguel Ángel Santalices; representantes das Forzas e Corpos de Seguridade, e familiares doutras vítimas do terrorismo vinculadas a Compostela.

Recordo a José Martí
O Concello lembrou tamén esta mañá ao escritor e político cubano José Martí, mediante a reposición da súa escultura no parque Eugenio Granell. Esta peza fora atopada en moi mal estado no barrio do Castiñeiriño e, posteriormente, realizouse un traballo de forxa e recuperación.

Na homenaxe, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, sinalou que, con este acto “facemos xustiza a unha figura excepcional tanto no intelectual como no político”. Pola súa banda, o presidente da Asociación Francisco Villamil, Valentín Alvite, quixo lembrar “a extensísima obra de Martí, con máis de 40 volumes”, ao mesmo tempo que “tiña unha gran capacidade de síntese”. Villamil tamén puxo o foco na súa vertente política, referíndose a el como o “teorizador do movemento emancipador de Cuba”. Finalmente o cónsul xeral de Cuba, José Antonio Solana, amosou o seu “agradecemento pola instalación desta peza, que reflicte os vínculos de Galicia con Cuba”. De feito a escultura foi a elixida para conmemorar o irmandamento de Santiago de Compostela con Santiago de Cuba en 1995.

O acto estivo amenizado pola cantante Jamila Purofilin, que interpretou tres pezas vinculadas coa cultura cubana, entre eles o famoso “Guantanamera”, do cantante cubano Julián Orbón, que adaptou, precisamente, un poema de José Martí.