• Segue conectado
  • |

Comeza o período de votación popular para poñerlle nome á nova avenida de Tomiño

Unha comisión seleccionou seis propostas de entre as case 400 enviadas pola cidadanía. Pode elixirse nome ata o 28 de febreiro a través da web ou depositando o voto nas urnas colocadas no mercado e no Concello


Tomiño | A nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo está máis preto de ter nome (por orde alfabética):

Do Baixo Miño
De Cerveira
De Isaura Gómez
Da Liberdade
Das Treboadas
De Turonia

Esas foron as seis propostas escollidas esta mañá, pola comisión encargada de seleccionar os nomes finalistas de entre as case 400 propostas recollidas na primeira fase da campaña ‘Ponlle nome!’, un proceso participativo posto en marcha para implicar á cidadanía na proposta e elección da denominación que terá esta nova rúa que eliminará o tráfico de paso polo centro urbano da vila. Esta comisión, composta por representantes de todos os eidos económicos, sociais e culturais do concello de Tomiño, estivo conformada por:

Xabier Macías, técnico de programas de cooperación transfronteiriza.
Rebeca Vázquez, tesoreira de ADETO (Asociación de Comerciantes de Tomiño).
Cintia Díaz, vocal de ADETO (Asociación de Comerciantes de Tomiño).
María Alonso Seisdedos, Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa e tradutora.
Saúl Fernández, representante de AcuBam (Asociación Cultivos Baixo Miño).
Xulia Oliveira Misa, representante do Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas”, de Tomiño.
Nerea Alén Costa, representante do Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas”, de Tomiño.
Sandra González, alcaldesa de Tomiño.

Inicio das votacións
Este mesmo luns 21 de xaneiro ábrese o prazo de votación para que todos os veciños e veciñas de Tomiño poidan elixir cal destes seis nomes porían á nova avenida a través do espazo dedicado a esta iniciativa na web municipal (https://tomino.gal/novaavenida) ou depositando o seu voto nas urnas instaladas no Mercado Municipal de Tomiño e na Casa Consistorial. O período de votación popular estará aberto ata o vindeiro 28 de febreiro.

“Animamos a todos os tomiñeses e tomiñesas a participar nesta última fase da campaña. É un orgullo que a cidadanía se implique dun xeito tan activo como ata o de agora e que acollan tan ben unha infraestrutura que vai supoñer unha mellora importante para toda a veciñanza”, recordou Sandra González, alcaldesa de Tomiño. Para o concelleiro de Planificación Territorial, Uxío Benítez, os resultados obtidos na primeira fase indican “o interese da cidadanía polo quefacer do concello. Trátase dun proxecto estratéxico feito por e para os veciños e veciñas e que suporá un antes e un despois para Tomiño, por iso involucrar á cidadanía, conseguir implicala, era fundamental”.

Un espazo pensado para as persoas
Con ‘Ponlle nome!’, o Concello de Tomiño busca darlle voz e voto á cidadanía nunha das obras máis importantes do municipio, xa que materializan un proxecto reclamado historicamente polo Goberno municipal e levan consigo a transformación do centro da vila cara un espazo público pensado para as persoas, no que a mobilidade peonil e sustentable sexa unha prioridade, con accesibilidade universal e xerando unha maior calidade de vida urbana.
Esta nova avenida rodeará o núcleo do Seixo e permitirá eliminar o tráfico de paso do centro urbano. Cunha lonxitude de 1.400 metros, enlazará a estrada provincial EP-3102 polo Sur e a PO-344 (rúa Gondomar) polo Norte, dando unha saída natural á avenida da República Arxentina e rúa da Pedra cara o Leste do núcleo, e enlazando o municipio coa futura Vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda. Esta variante enlazará os equipamentos situados na estrada provincial, como o CEP Pedro Caselles, a área deportiva de Mosteiro e a igrexa románica de Tomiño con novos equipamentos como o centro de saúde, o centro de día e mesmo o IES Antón Alonso Ríos, desviando do núcleo urbano uns 10.000 vehículos.

A vía terá unha sección de 18 metros, dos que seis estarán destinados a unha senda peonil e ciclista con arborado, mentres que a calzada terá dous carrís para o tránsito rodado coas súas correspondentes beiravías. Con cinco rotondas e unha vintena de pasos de peóns sobreelevados para distribuír e calmar a circulación e garantir a seguranza viaria, a nova avenida estará delimitada a unha velocidade máxima de 30 km/h.

Cun investimento de 3,5 millóns de euros, a construción da nova avenida de Tomiño é un proxecto levado a cabo grazas ao convenio de colaboración entre Concello de Tomiño, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.

Publicado o 21 Xan 2019 en Axenda, Participación Cidadá, Portada, Tomiño, Urbanismo.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies