• Segue conectado
  • |

Comeza a II Semana do Libro de Compostela

Xoana Torres por Laxeiro.

Santiago de Compostela | Do venres 1 ao domingo 10 de xuño, a praza da Quintana acollerá unha nova edición da Semana do Libro de Compostela, cunha trintena de postos para a exposición das novidades e fondos das librarías e editoriais galegas e múltiples actividades complementarias para todos os públicos. A carpa da SELIC 2018 abrirá ás 17:00 horas para recibir os primeiros visitantes, que axiña poderán participar no brinde rosaliano oficiado polos Quinquilláns no Espazo Efémero, o lugar destinado para a presentación temporal de proxectos e novas iniciativas. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, acompañará, así, a Rosalía de Castro na apertura desta feira que busca reflectir e celebrar a diversidade do sector do libro de Santiago.

Este ano son 20 editoriais, 9 librarías e 8 institucións as participantes na SELIC, repartidas en 32 postos de exposición. O recinto contará ademais cunha zona de espallamento infantil, que concentrará as múltiples actividades deseñadas para o público miúdo, e manterá novamente unha área específica para as sesións de conversa e presentacións.

A primeira delas, ás 18:30 horas, dedicarase ao libro Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos, de Xohana Torres, editado pola Deputación da Coruña e o selo Engaiolarte. Con fotos de Xosé Xil, o libro recolle o ensaio inédito polo que a autora compostelá recibiu en 1972 o Premio Etnografía Federico Maciñeira, da Deputación da Coruña, e supón o primeiro volume publicado tras a súa morte. Na presentación participarán Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña; Xan Carballa, editor de diversas publicacións de Torres e membro de Engaiolarte; e Ana Romaní, directora do Diario Cultural da Radio Galega.

Tamén ás 18:30 horas encetarase o programa de actividades para público infantil e familiar. O colectivo Xandobela conducirá o obradoiro Poemas estampados, no que os máis pequechos poderán dar renda solta á súa creatividade e ilustrar poemas diversos con selos e tintas de cores.

As propostas da SELIC 2018 esténdense alén da carpa instalada na Quintana. Ás 19:30 horas arrancará no Museo da Casa da Troia un paseo literario que levará ás persoas asistentes por distintos recunchos do casco vello compostelán até retornar á praza. A participación é aberta sen necesidade de inscrición.

A axenda de actividades da xornada inaugural transcenderá tamén o horario de apertura da carpa e pecharase coa primeira sesión do OFF SELIC, un espazo para as propostas escénicas da feira que emprega as escadas da Quintana como auditorio natural. O contador Quico Cadaval será o encargado de encetar este espazo o venres ás 21:30 h, cunha actuación que xorde por iniciativa do Departamento de Lingua do Concello de Santiago.

Publicado o 31 Mai 2018 en Axenda, Libros, Portada, Santiago de Compostela.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies