“Coas súas mans” elixido como cartel anunciador do Corpus 2017

A súa autora, a deseñadora pontevedresa Isabel Núñez Montero, posúe un amplo palmarés de deseños gañadores en diferentes convocatorias da xeografía galega

corpus

Ponteareas | O cartel “Coas súas mans”, ─obra da deseñadora Isabel Núñez Montero, da parroquia de Salcedo, no concello de Pontevedra─, será o encargado de anunciar as festas do Corpus Christi 2017 de Ponteareas, logo de ser elixido, por unanimidade do xurado, entre os 12 traballos que se presentaban ao concurso convocado para tal fin polo executivo ponteareán.

Coa convocatoria, aberta a todos cantos quixeran participar, buscábase que os concursantes expresaran a súa propia visión da festa máis emblemática de Ponteareas e, entre eles, “elixir aquel que mellor representase o espírito desta celebración que conta ás súas costas con máis de século e medio de existencia”, sinalaba a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista.

corpusO xurado encargado de fallar o concurso, estaba formado pola propia titular de Cultura, Hortensia Bautista; Xosé Alberto Álvarez Rodríguez, licenciado en Belas Artes e profesor de arte no IES Val do Tea; os alfombristas e deseñadores Miguel Novoa Iglesias, Guillermo Iglesias Sánchez e Miguel Mera Cuevas, e a traballadora do Departamento de Cultura, Belén Giráldez, que actuaba en calidade de secretaria, con voz pero sen voto.

Era ese xurado o que, por unanimidade, decidía o 29 de marzo, que o traballo presentado pola deseñadora Isabel Núñez Montero baixo o nome de “Coas súas mans”, reunía todos os requisitos para ser anunciador das Festas do Corpus 2017. Este premio está dotado con 600 euros.

Isabel Núñez, natural da parroquia pontevedresa de Salcedo, ten unha ampla experiencia no campo do deseño gráfico e no seu palmarés conta con varios premios ao longo do país. A gañadora deste ano é unha deseñadora autodidacta, que xa conta con varios galardóns destas características, como o cartel da Festa da Coca de Redondela (2010), A Reconquista de Vigo (2013), Festa do Marisco do Grove (2014 y 2015) e a Festa do Polbo de Mugardos (2013) ou o Entroido de Bueu (2017).