Carlota Lama presenta a súa novela “O encontro das augas”

A escritora coruñesa ambienta a acción na desembocadura do río Miño

Madrid | A escritora coruñesa Carlota Lama presentou hoxe na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid a súa última “O encontro das augas” publicada por Edicións Atlantis e ambientada na desembocadura do río Miño, en “unha paisaxe sen igual, que arrepía”, onde “as augas doce e salgadas están en perpetua loita, como as almas de Susana e Miguel, cuxas vidas parecen perseguidas pola sombra dun home que deu renda solta aos seus instintos aproveitando a súa posición: don Eusebio, o cura da aldea, que está a punto de morrer”. En “O encontro das augas” os personaxes analizan as súas vidas nunha apaixonada busca interior e mostran a perspectiva da súa existencia, dando, ás veces, os seus puntos de vista dos mesmos feitos.

Na presentación, a escritora estivo acompañada polo numeroso público que encheu a sala e a xornalista Lola Cintado que sinalou que “aínda que pareza que todo está dito nas primeiras páxinas, o libro garda sorpresas en moitas esquinas” e que trata da “capacidade de sobrevivir con dignidade, de perdoar sen esquecer” e leu un fragmento do libro así como unha carta enviada pola presidenta da Fundación José Saramago, Pilar del Río, que aseguraba que a autora acertou no nome da novela pois “consegue con ela que mares distintos se mesturen e confundan, os que cada un de nós levamos dentro” e pedíalle “máis libros, por favor”. Lama tamén estivo acompañado polo responsable das actividades culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen sinalou que a autora define a esta novela como contemporánea, de profundas raíces galegas.

Na presentación, Cintao e Lama estableceron un diálogo no que se informou de que nos tres meses que leva a novela no mercado se venderon 600 exemplares, a pesar de non ter publicidade, pois está publicada por unha editorial pequena. Falaron das raíces galegas de Lama, de Galicia como fonte inesgotable de personaxes e historias que merecen ser contadas, da extraordinaria personalidade da cultura galega que “afortunadamente segue bastante indemne aos ataques da ditosa globalización”, na percepción da autora, de “a vantaxe que ten a distancia á hora de sentarse a escribir que permite enfocar todos aqueles detalles que a proximidade pasa por alto”.

Lama referiuse á “impresionante paisaxe galega na que se desenvolve a acción e da que coñezo cada canto”, da súa formación na Universidade de Santiago e a influencia que tivo na súa paixón pola literatura as ensinanzas dun catedrático de Literatura Americana e a “a marabillosa liberdade que dá a Literatura permitindo a mestura de realidade e ficción, sendo o personaxe do párroco o único prestado da realidade da miña vida”.

Explicou a autora que os diferentes puntos de vista que narran os feitos a través de varios personaxes permiten utilizar diferentes rexistros da linguaxe e dar maior axilidade á narración. Por iso o libro está escrito en primeira persoa, eliminando así a figura do narrador tradicional.

“Escribo sempre o que me apetece, esquecéndoseme tendencias, modas ou obxectivos comerciais”, dixo, e resaltou “a liberdade que lle concedo aos meus personaxes deixándoos que adquiran vida propia e que rematen a narración como mellor lles pareza”.

Carlota Lama é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela e especializada no ensino da Lingua Inglesa na International House en Londres. Viviu en varios países, na actualidade reside en Madrid e dedícase exclusivamente á Literatura. As súas profundas raíces galegas fai que se senta especialmente cómoda situando os seus relatos nesa terra que tan ben entende dende a distancia.