Bueu aproba unha moción conxunta pola preservación do Castro de Montealegre

Así mesmo deuse conta da contratación de trinta persoas no marco do Plan de Conservación, financiado polo organismo provincial.

Bueu | O pleno da corporación de Bueu mostrouse unánime no que atinxe ao apoio ao Castro de Montealegre (Domaio, Moaña), que se vería afectado polas obras que a Axencia Galega de Infraestruturas está a acometer no desdobramento do Corredor do Morrazo. Así o expón a moción conxunta que se aprobou onte na sesión ordinaria e na que se acordou levar a cabo un estudo profundo do Castro, ampliando ao máximo a zona de análise e escavación, manter intacta a estrutura das construcións castrexas, aplicar o rigor e a esixencia por parte do organismo autonómico encargado de velar pola conservación do noso patrimonio, e instar á Xunta de Galicia á modificación do proxecto presentado para a ampliación do Corredor para que non se afecte a esta estrutura tan importante para a nosa cultura, historia e tradición.

 

Este foi o asunto máis importante do pleno, no que tamén se deu conta da renuncia á acta de concelleira do PP de Berta Pérez González, e se presentaron dúas mocións por parte do PSdeG-PSOE, referidos á rehabilitación de fontes, lavadoiros e a súa contorna, e á elaboración dunha ordenanza reguladora de vehículos abandonados. Con todo, estas dúas propostas non saíron adiante, debido a que o grupo de goberno aclarou que “xa existe un plan de lavadoiros e fontes e outras obras, que se van acometendo conforme a dispoñibilidade de persoal”. No que respecta á ordenanza reguladora de vehículos abandonados, o alcalde manifestou que xa existe unha normativa estatal e que xa se están tramitando algunhas denuncias. Nestas dúas mocións, PSOE e PP votaron a favor, BNG en contra e ACB-SON abstívose.

A última parte do plenario incluíu dacións de conta, referentes aos proxectos que se van incluír no Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra. Entre eles, están a renovación e creación de parques infantís, biosaudables e de skate, unha pavimentación de varios camiños municipais, distintas melloras nos cemiterios de Cela e Bueu, a renovación da fachada e do patio do CEIP A Pedra Infantil ou o reacondicionamento da Praza Massó.

Así mesmo deuse conta da contratación de trinta persoas no marco do Plan de Conservación, financiado polo organismo provincial. Así, proximamente se comezará co proceso de selección de vinte e un peóns de limpeza, un peón de carpintaría, dous peóns de xardinería, un peón electricista, catro auxiliares administrativos e un monitor deportivo.