Arroupa contratará dúas persoas máis

Grazas á instalación na cidade dos 33 novos colectores de roupa e calzado

Santiago de Compostela | Os concelleiros de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e de Políticas Sociais, Concha Fernández, visitaron esta mañá as instalacións de Arroupa, no Polígono do Tambre. Os edís estiveron acompañados polo director de Cáritas Diocesana en Santiago, José Anuncio Mouriño, e pola xerente de Arroupa, Isabel Fraga.

O obxectivo da visita de Xan Duro e Concha Fernández era coñecer máis en detalle o funcionamento da empresa de inserción laboral promovida por Cáritas, que vén de resultar adxudicataria do contrato para a colocación na vía pública de 33 colectores de roupa e calzado usados. Estes colectores substituirán aos que aínda ten instalados nas rúas da cidade a anterior empresa adxudicataria.

Oportunidade de inserción
Arroupa vén funcionando en Santiago dende finais de 2015, e ten a súa sede nunha nave do Polígono do Tambre, en concreto na rúa Isaac Peral. Ademais, conta cunha tenda física en Casas Reais, onde vende os produtos téxtiles e o calzado que recolle e clasifica.

A concelleira de Políticas Sociais salientou que a empresa empezou con cinco traballadores e traballadoras, e a día de hoxe dálle emprego a 20 persoas en situación de risco ou exclusión social. Concha Fernández lembrou que estes traballadores e traballadoras son seleccionados nun proceso que é pilotado polos servizos sociais municipais, e Arroupa “ofrécelles unha oportunidade de adquirir competencias e coñecementos que despois lles faciliten o seu acceso ao mercado laboral”. A instalación dos 33 novos contedores permitirá a contratación de dúas persoas máis.

Reserva de emprego
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que os novos colectores de roupa e calzado usados empezaranse a instalar previsiblemente en setembro. O edil lembrou que na licitación do contrato “introducirase a novidade de reservar a adxudicación para centros especiais de emprego, como un xeito máis de ofrecerlles oportunidades ás persoas en risco ou exclusión social”. O edil tamén se referiu aos beneficios ambientais destes contedores, “un claro exemplo de economía circular, que devolve á vida útil roupa e calzado que ían acabar convertidos en desperdicios”.

Empresa de inserción en crecemento
A xerente de Arroupa, Isabel Fraga, agradeceu a aposta do Concello polo emprego inclusivo, e lembrou que a empresa de inserción laboral de Cáritas poderá seguir medrando grazas á instalación dos novos colectores. En 2016, no seu primeiro ano de vida, Arroupa recolleu 600 toneladas de roupa e calzado nos 125 contedores que tiña instalados polos municipios da diócese de Santiago. No que levamos de 2017 foron xa 450 toneladas, o que supón un crecemento do 30% con respecto ao mesmo período do ano pasado. Segundo explicou Isabel Fraga, os novos contedores “permitirán sumar 150 toneladas anuais máis á recollida de Arroupa”.