• Segue conectado
  • |

Arranca a segunda edición de Creando Rural, un concurso escolar para achegar a nenos e nenas ao medio rural

Organizado pola Escola Eu Rural, o certame vai dirixido a clases de educación infantil e primaria de todos os colexios do territorio do GDR 14. Este 4 de febreiro abre o prazo de inscrición e poderán presentarse proxectos ata o 5 de abril de 2019

Mos | Bota a andar a segunda edición de Creando Rural, o concurso escolar posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural co obxectivo de implicar a novos colectivos na difusión e animación da Medida Leader entre a poboación residente no ámbito territorial do Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR 14). Trátase dun concurso escolar participativo dirixido a alumnado de educación infantil e primaria dos centros educativos dos 13 municipios que conforman o territorio do GDR 14 (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui).

Presentación de proxectos ata o 5 de abril
Este luns 4 de febreiro ábrese o prazo de inscrición previa para participar no certame: ata o vindeiro 28 de febreiro todos aqueles grupos interesados en participar poderán inscribirse a través da web de Creando Rural (creandorural.org). Coñecedores do axustado programa lectivo dos centros escolares, nesta segunda edición ampliouse o tempo de traballo dispoñible para os e as participantes e o prazo de presentación de proxectos, que poderán enviarse ata o vindeiro 5 de abril de 2019 a través dun formulario habilitado na web.

Eu Rural pon en marcha unha nova edición deste concurso escolar coa intención de achegar coñecementos sobre o desenvolvemento rural a cativas e cativos. Para conseguilo creáronse sete unidades didácticas adaptadas aos dous niveis educativos (7 para educación infantil e 7 para educación primaria) que o profesorado deberá traballar na clase e a través das que o alumnado aprenderá que é o GDR 14, que se busca con el e como afecta á poboación e á economía da contorna. Unha vez revisadas estas unidades, cada aula ao completo poderá presentar un proxecto conxunto a concurso, co titor ou titora como responsables.

Como na edición anterior, na categoría de educación infantil pídese un mural creativo e de inspiración libre e na de educación primaria un vídeo dun máximo de dous minutos. O premio será unha excursión dun día de duración durante a segunda quincena de maio, a unha granxa-escola situada no territorio do GDR 14 para as dúas clases de educación infantil premiadas e a un centro de aventuras situado no territorio galego para os dous gañadores de primaria.

Do 8 ao 30 de abril abrirase un prazo de votación popular para que a cidadanía escolla os traballos (un por categoría) que máis lle guste. Pero, para salvar as diferenzas de poboación que existen no territorio e evitar que os nenos e nenas poidan verse prexudicados por esta votación popular, a organización tamén designará un xurado composto por expertos na materia que elixirán outros dous premiados (un por categoría).

Éxito de participación
A primeira edición de Creando Rural rematou con un grande éxito de participación: 28 aulas de 12 centros escolares de 7 municipios presentaron os seus proxectos a concurso. Un éxito ao que hai que sumarlle a boa resposta do público durante o período de votación popular, no que se recibiron máis de 4.700 votos.
Dende a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural quérese animar ao profesorado de todos os centros escolares do territorio do GDR 14 a traballar en clase co seu alumnado e a presentarse a este concurso que busca a posta en valor do territorio rural e dar a coñecer o papel dos GDR e da Medida Leader no seu desenvolvemento.

Publicado o 4 Feb 2019 en Cultura, Mos, Participación Cidadá, Xuventude.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies