Ana Miranda: “As Fake News combátense con xornalismo de calidade, independente e plural”

A eurodeputada do BNG participou nun foro organizado polo Parlamento Europeo sobre a proliferación de noticias falsas en política

Bruxelas |A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou que a mellor forma de combater as fake news é mediante xornalismo de calidade, independente e plural, tal e como xa defendeu a semana pasada o pleno do Parlamento Europeo na Resolución Spinelli sobre pluralidade e liberdade de medios de comunicación.

Así o manifestou a europarlamentar nacionalista no Foro sobre Fake News no que participou esta mañá en representación do grupo Verdes – Alianza Libre Europea, organizado polo Parlamento Europeo e a Leading Newspaper Alliance (LENA). No coloquio participaron asemade as eurodeputadas Pilar del Castillo (PPE), Iratxe García (S&D) e Maite Pagazaurtundúa (ALDE), e o eurodeputado Miguel Urbán (GUE).

Para Miranda é evidente a proliferación de novas falsas que xorden e o seu carácter sensible, xa que moitas delas están relacionadas coa xenofobia e a islamofobia. Por iso, ao seu xuízo “é necesario que a UE impulse un marco lexislativo sobre novas falseadas e incitación ao odio, que abarque un tipo de responsabilidade dos xestores de plataformas en liña que sexa compatible coa liberdade de expresión, pero sen exonerar ao provedor de responsabilidade”.

A eurodeputada do Bloque tamén sinalou que, pola contra, as fake news tamén son usadas polo poder contra os pobos oprimidos ou contra a autodeterminación dos pobos, como poden ser o caso catalán, escocés, saharaui, palestino ou turco. Neste sentido, na súa intervención mencionou os casos dos medios que ao respecto do 1 de outubre en Catalunya negaron as cargas policiais contra os votantes, cando Ana Miranda as viviu in situ.

O caso dos eurodeputados pro rusos

Tamén citou como fake news unha información publicada precisamente por El País o 19 de novembro pasado no que falaba da existencia de eurodeputados pro rusos que defendían o procés ilustrada con unha imaxe na que, entre outros, podían verse os eurodeputados de Esquerra Jordi Solé e Josep María Terri Cabras. Curiosamente esta información aparecía ligada á conferencia sobre o postfranquismo que o 20 de novembro se celebrou en Bruxelas.

Ana Miranda mencionou asemade a dificultade de realizar xornalismo de investigación en España, sobre todo sobre corrupción e narcotráfico, e ao respecto fixo referencia á incautación do libro “Fariña”, de Nacho Carretero. “A liberdade de prensa ten que ser coidada, e as fake news non poden ser utilizadas para calar bocas”, defendeu.