A vontade de ser de Galicia.

Cadernos da viaxe.

Estase a converter nun certo lugar común que a conciencia de país de Galicia iría en claro devalo. E que a desaparición fáctica da personalidade de seu de Galicia como pobo diferente sería cousa de poucas xeracións.

Comprendo esa tese, porque existen elementos que permiten unha tal lectura. Mais permítanme, como optimista en proceso de reconversión, que vexa a botella medio chea.

Na pasada finde publicouse unha sondaxe que reducía ao 17% a cidadanía galega partidaria da autodeterminación. Mais esa porcentaxe acadaba case o 39% (fronte a só un 43% de contrarios) na franxa de idade de 18 a 35 anos. Conciencia de noso en devalo? Tan pouca conciencia nacional non haberá cando Feijóo no 2009 o primeiro que fixo foi deturpar o proxecto das galescolas e suprimir a nosa selección nacional de fútbol.

Nas enquisas do CIS son bastante máis os que se confesan só galegos ou máis galegos ca españois que os que se confesan só españois ou máis españois ca galegos (estes dous grupos achéganse á irrelevancia, mentres son relativamente potentes noutros moitosterritorios do Estado). Dous terzos da cidadanía galega confésanse tan galegos coma españois. Mais refugan maioritariamente do Estado centralista ou dos procesos derecentralización que tan ben consideran en Madrid, Murcia ou Extremadura. E amosánse sempre propicios a un meirande uso público e privado do galego, malia que non sexa, por mor de variadas circunstancias, a lingua de uso normal de moitos que así acreditan.

Quere isto dicir que o galeguismo habería ler a xeito éstes e outros moitos dados e formular propostas máis horizontais e achegadas á realidade social. Propostas que integren non só aos convencidos, senón aos centos de milleiros de persoas que, sen se definir galeguistas, teñen Galicia como referente vital e tamén aos que usan o castelán respectando e querendo o galego. Propostas que fagan ver na cidadanía que os sectores estratéxicos da economía galega son prescindíbeis para o Estado. Que Galicia non é periférica no eixoEuropa-América e que a nosa historia e o noso presente está cheo de historias de éxito quecompre coñecer e reivindicar.

Formular este relato require arrombar prexuizos ideolóxicos e adoptar modos pragmáticos e aperturistas que a moitos renxerá. Mais se queremos que o galeguismo sexaútil non lles hai outro camiño.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.