A veciñanza critica os problemas do botellón e demanda ocio alternativo sen alcohol

Ducias de veciños e veciñas afectadas por problemas de convivencia participaron no encontro organizado polo Concello

Ponteareas | Ducias de veciños e veciñas afectadas polo botellón e os locais de ocio nocturno acudiron o pasado venres á reunión convocada pola Concellaría de Bo Goberno, que dirixe Roberto Mera, dentro do proceso participativo que busca avaliar o fenómeno e as súas consecuencias. No encontro púxose de manifesto o malestar dos residentes no entorno da Feira Vella e rúas próximas polos problemas de convivencia derivados do chamado “botellón” e da actividade de locais de ocio nocturno.

Os asistentes, a través de numerosas intervencións, exemplificaron os problemas citando os ruídos por berros e aglomeración de persoas, a sucidade por orina, excrementos, vómitos, vasos e botellas en portais, o exceso de ruídos dalgúns locais, condución temeraria, a rotura de cristaleiras de portais de edificios, etc. Ademais, os presentes criticaron o que consideran “incapacidade” do Concello para poñer fin a esta problemática que provoca na veciñanza unha sensación de indefensión.

En canto ás posibeis solucións, parte dos asistentes defenderon a adopción de medidas legais e sancionadoras que impidan o botellón, aínda que outros advertiron que non deixará de facerse porque se prohiba na Feira Vella ou noutros lugares. Moitas intervencións fixeron fincapé na responsabilidade especial de pais e nais, sobre todo respecto aos menores que consumen alcohol en espazos públicos e defenderon un maior control de horarios dos locais de ocio nocturno e ofertar á mocidade actividades alternativas de ocio e diversión sen alcohol. Todos coincidiron en que a educación está na base da problemática e dunha solución definitiva a longo prazo. Tamén se valorou positivamente que a problemática forme parte da axenda pública e suscite debate social para a búsqueda de solucións.