“A estación intermodal debe ser o verdadeiro intercambiador entre o transporte urbano e metropolitano”

A Coruña | O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este martes nunha entrevista en ​ Onda Cero , onde manifestou que o plan de penetración do transporte metropolitano dentro da cidade –que o Concello, xunto con outras administracións locais da contorna, leva meses negociando coa Xunta de Galicia– “debe ter necesariamente en conta a futura construción dunha infraestrutura tan necesaria como a Estación Intermodal, que debe ser e funcionar como o verdadeiro núcleo intercambiador entre o transporte urbano e o metropolitano”.

“Levamos meses falando deste tema, e deste plan de penetración”, dixo o rexedor, que recordou que o Goberno autonómico “comezou presentado un plan de xeito unilateral e sen falar con concellos afectados”. “O que dixemos sempre, e seguimos a dicir é que os buses deben entrar de xeito controlado e ordenado na cidade. Cando isto ocorra, será tamén fundamental facer unha avaliación inicial dos resultados, para ver se realmente conseguimos o obxectivo pretendido, que é que entren menos coches particulares”, explicou o primeiro edil. Ao fío, o responsable municipal indicou a necesidade de “preparar e acondicionar as paradas de bus”. “O que a Xunta non pode pretender é que se pinte unha raia no chan nunha zona do centro da cidade e iso xa sexa unha parada de bus”, opinou.

“No plantexamento da Xunta de Galicia cremos que falta unha reflexión, sobre como vai incidir no transporte metropolitano a nova Estación Intermodal. Para nós o ideal sería que esta infraestrutura entre en funcionamento canto antes. Entendemos que mentres non sexa unha realidade, nese tempo, este plan de penetración pode ser un chanzo intermedio, pero é necesario avaliar os resultados deste procedemento, para ver se realmente acada o que se busca, que pasa por reducir a entrada de vehículos privados”, insistiu.

No que atinxe á construción da Intermodal, Ferreiro recordou que a Xunta licitou o seu proxecto construtivo, aínda que fixo un chamamento a resolver temas pendentes como a achega que debe facer o Concello. “Levo esperando dende hai máis dun mes a que o presidente da Xunta me reciba para falar deste asunto, entre outros temas, porque A Coruña está a ser tratada inxustamente se comparamos co que se lle pide a outras urbes como Compostela e Ourense”, comentou. “Calquera pode entender que se a Xunta vai poñer uns tres millóns de euros de fondos propios, máis preto de seis de fondos europeos Feder, non é de recibo que ao Concello se lle esixa que sexa a institución que máis poña para unha obra que é autonómica”, opinou.

Avenida da Vedra
Ao fío, o primeiro edil da Coruña recordou aos e ás titulares do resto de administracións implicadas en actuacións relacionadas coa mobilidade na cidade “a importancia de ter un discurso e un plantexamento coherente”. “Por un lado din que queren sacar turismos da cidade, porque caben os que caben, pero por outra, a idea inicial que tiñan con Alfonso Molina pasaba por facer dela unha sorte de autopista até o centro da cidade. O Goberno local tivo sempre as cousas claras, apostando por unha avenida humanizada, con carrís de servizo, arborado e carrís bici,aínda que por suposto desconxestionando puntos conflitivos como os accesos de Matogrande e Pocomaco”, incidiu, á vez que apelou ao Ministerio de Fomento a que “dea os pasos comprometidos con este Concello e coa súa veciñanza, con respecto á reforma e rehumanización da Vedra, xa que non hai novidades dende a entrada do novo titular desta carteira ministerial”.

Por outro lado, Ferreiro tamén se referiu á reunión que a finais de mes manterá co presidente de Portos del Estado, José Llorca, no que entre outros asuntos se abordará a poxa dos terreos da Solana, que a Autoridade Portuaria da Coruña pretende adxudicar a unha empresa privada, a pesar da solicitude de adxudicación directa feita polo Concello. “Creo que actuamos con lealdade e fixemos o que debiamos. Presentes no Consello de Administración do Porto coruñés, unha vez soubemos o prezo de taxación dos terreos, indicamos que estabamos en disposición de abonar a cantidade estipulada polos terreos da Solana, e iso foi algo que se aceptou precisamente nese órgano do Consello de Administración”, recordou. “A partir de aí, a Autoridade Portuaria debía aceptar a nosa solicitude formal, de forma que puideramos iniciar os trámites”, explicou, á vez que recordou que o Goberno local reservou no seu proxecto orzamentario para este ano a cantidade destinada a adquisición das citadas parcelas. “A Autoridade Portuaria, non obstante, prefire agora dar eses terreos a unha empresa privada, pero non debería de estar xustificándose. O que temos aquí é unha cuestión de vontade: ou levamos a cabo o que se acordou, ou preferimos facer caso a unha empresa privada que ofrece máis cartos”, dixo. O alcalde salientou tamén a necesidade de tratar con Llorca “o futuro dos peiraos interiores da cidade, como Batería e Calvo Sotelo”.

“Na reunión tamén falaremos sobre como debe a Autoridade Portuaria tratar de enxugar a súa débeda, cousa para a que entendemos que é fundamental que o Porto Exterior teña unha conexión ferroviaria. O que non se pode pretender é que a Autoridade Portuaria viva a base de despatrimonializarse e despoxar a cidade dun ben como a súa fachada marítima, na vez de xerar recursos”, indicou.