• Segue conectado
  • |

A Escola Eu Rural arranca este 2019 cun curso de escaparatismo e paquetería comercial en Tomiño

Aínda queda prazas dispoñibles para participar nesta edición de ‘O ben feito ben parece’, que se celebrará na vila tomiñesa do 14 ao 30 de xaneiro

Tomiño | A Escola Eu Rural comeza o ano 2019 cun forza e cun curso de formación en Tomiño. Do 14 ao 30 de xaneiro, a vila tomiñesa acollerá o curso ‘O ben feito ben parece’, unha actividade formativa organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020, e que ten como obxectivo principal axudar a crecer e mellorar o comercio local, dando ferramentas á todas as persoas participantes para mellorar as ventas dos negocios e facelos máis competitivos e de éxito.
Centrado na comercialización de produtos tanto do sector primario como doutros sectores, este curso de 36 horas de duración impartirase en Tomiño os días 14, 15 e 16, 21, 22 e 23 e 28, 29 e 30 de xaneiro de 16.30 a 20.30 horas. Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse de balde a través da web de Eu Rural (eurural.org), dirixíndose ao apartado denominado Escola e enchendo o formulario on line. Pode inscribirse e participar neste curso calquera persoa que resida no territorio do GDR 14 e estea interesada, independentemente de que viva nun concello distinto do que acolle o curso.

Destinado a persoas emprendedoras e comercios locais, así como a calquera persoa interesada, este curso servirá para que todos e todas as participantes adquiran coñecementos vinculados ao escaparatismo, á presentación do produto, á paquetería comercial e ao visual merchandising. Ao longo do curso, as persoas participantes adquirirán as habilidades necesarias para desenvolver o escaparate perfecto, tendo en conta dende os puntos de atracción visual ou o tipo de decoración máis axeitada en cada negocio para visibilizar os produtos e favorecer as compras.

Tomiño será o terceiro concello en acoller unha nova acción de ‘O ben feito ben parece’, que arrancou en A Guarda en maio e xuño de 2018 e que celebrou unha edición máis en Nigrán en setembro. Tras a vila tomiñesa será a quenda de Mos, que albergará este curso de escaparatismo do 6 ao 22 de maio de 2019.

Este itinerario formativo nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eurural para canalizar todas as accións formativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

Co curso búscase completar a actividade realizada o ano pasado co itinerario ‘Cos pés na terra’, que puxo en marcha unha serie de actividades relacionadas coa produción primaria e coa posta en valor do sector agrogandeiro, e ‘Coas mans na masa’, que busca engadir valor ao sector primario a través da transformación e da conservación de alimentos.

Dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa elaborada pola AD Galicia Suroeste Eurural, na que se estableceron as liñas de actuación da Medida Leader para o territorio do GDR 14, recóllese unha aposta pola formación como vehículo para mellorar a capacitación do capital humano da contorna. Por este motivo, cada ano destínase o 2,5% do orzamento anual da asociación á creación de itinerarios formativos para toda a poboación.

Publicado o 28 Dec 2018 en Axenda, Cultura, Participación Cidadá, Tomiño.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies