A derrota de Galicia, Antón Baamonde (Xerais, 2012)

Hai autores que encenden luces na escuridade. Antón Baamonde é un deles. As letras galegas non se caracterizan por ter un lectorado de ensaio amplo, malia ter intelectuais lúcidos que saben retratar aspectos da nosa actualidade social que moitas veces foxen de caracterizacións claras. A derrota de Galicia agrupa artigos de Baamonde publicados en diferenes medios. A heteroxeneidade, sobre todo a que ten que ver coa diferenza temporal, neste caso convértese en virtude por permitirnos analizar como algunhas das cuestións ás que se achega, básicas para entendermos Galiza, evolúen no tempo. Así ocorre coa lexislación referente á normalización da lingua e a reacción do pobo perante os cambios cada vez máis restritivos, co procedemento de fusión das caixas galegas, cos avatares electorais dos últimos anos, co tratamento do medio natural, coa configuración da franxa atlántica e, concretando máis, coas relacións tensas e antinatura das cidades galegas, nomeadamente Vigo e A Coruña. Estes son os eixos fundamentais, aínda que teñen cabida outros elementos que dan cor a este collage da realidade galega. En todos eles subxacen dúas preocupacións intimamente relacionadas que se acentúan conforme os capítulos, nese percorrido temporal, se achegan ao presente: a desgaleguización dos hábitos lingüísticos da mocidade e a desgaleguización na asunción da identidade por parte de todos os estamentos sociais. O autor pon o foco naquelas estratexias electoralistas que perigosamente están a calar, segundo el, na cidadanía, e que cuestionan conquistas básicas (ata agora incluso consideradas insuficientes por moitos) dos galegos. Denúnciase esa regresión como pobo a niveis pre-estatutarios promovida irresponsablemente (e absurdamente) por aqueles que, nas súas palabras, pretenden facer de Galicia a praia de Madrid.

Se cadra é demasiado pesimista. Esperemos que si. Pero en calquera caso, acerta ben cos brancos aos que apunta e axúdanos a comprender como se está a construír a Galiza de hoxe en día. A portada, moi axeitada, ilustra ben a transformación.

Licenciada en Filoloxí­a Hispánica, (UDC, 1994-1998) e Filoloxí­a Galega (USC, 1998-2000), na actualidade, imparte aulas de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario.