• Segue conectado
  • |

A Deputación de Pontevedra aproba máis dun millón de euros en préstamos sen xuros para 4 concellos

A Cañiza, Arbo, Catoira e Ponteareas benefícianse das axudas provinciais para facer fronte a investimentos “moi relevantes” e operacións de tesourería

Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión da convocatoria 2019 dos préstamos sen xuros. A Presidenta Carmela Silva informou de que “as axudas deste ano ascenden a máis dun millón de euros (1.054.665,18 €) dos que, nesta primeira relación, se van beneficiar catro concellos: A Cañiza, Arbo, Catoira e Ponteareas.

Deste xeito, A Cañiza recibirá 42.928,21 € cos que poderá “mercar terreos nos que crearán un paseo e zonas verdes de esparexemento”. Pola súa banda, as axudas da Deputación para Arbo, cun total de 211.750 €, terán por obxecto “mercar un inmoble que o concello destinará a un centro social de atención á terceira idade e á primeira infancia”. Pola súa banda, Catoira recibe 400.000€ (a cantidade máxima subvencionable) para financiar unha operación de tesourería e, finalmente, Ponteareas beneficiarase dun total de 399.986,97 € cos que financiará diversos investimentos: “69.000 € destinaraos á ampliación da rede de abastecemento en Albar e Puzo San Mateo de Oliveira, 88.000 € ao acondicionamento do centro cultural de Guillade e 244.000 € á rehabilitación dun edificio para acoller un centro sociocultural”.

Os préstamos sen xuros da Deputación de Pontevedra son un instrumento máis de planificación de políticas públicas, que teñen por obxecto o fomento dunha utilidade pública, de interese social ou de promoción de uso público. O principal obxectivo desta iniciativa é facilitarlle aos concellos unha fonte de financiamento adicional co que poder afrontar, preferentemente, a execución de investimentos e, excepcionalmente, as operacións de tesourería para facer fronte a desfases transitorios ou necesidades urxentes.

Pódense acoller a esta iniciativa da Deputación de Pontevedra os concellos da provincia cunha poboación inferior a 50.000 habitantes, e que cumprisen os seguintes requisitos: ter aprobado o orzamento para o exercicio corrente ou, no caso de prórroga, cumprir co previsto na lexislación; non ter pendentes de pagamento cotas de amortización de préstamos contraídos coa Deputación; e cumprir cos previstos legais no relativo á concertación de operacións de crédito. A través destes préstamos, o importe máximo que se pode conceder é do 90% do custe do investimento, sen que supere os 400.000 euros.

Publicado o 9 Mar 2019 en Axenda, Economía, Infraestructuras, Pontevedra, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies