A deputación de Pontevedra adxudica preto de 600 novas prazas do programa “En ruta coa Depo 2018”

Este ano o goberno da Carmela Silva incrementou o orzamento do programa en 100.000 euros para as 32 rutas que se poñen a disposición dos veciños e veciñas da provincia

Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a quinta adxudicación das prazas do programa “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e transporte. Máis polo miúdo, o goberno de Carmela Silva oferta 594 prazas correspondentes a 8 entidades que quedaron na lista de agarda.

Para levar a cabo esta edición 2018, a institución provincial conta cun orzamento de 360.000 euros, 100.000 euros máis que o ano pasado. “En Ruta coa Depo” oferta 32 rutas diferentes e ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia de Pontevedra, promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, así como ofrecendo alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia, e promocionando rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente os nenos e nenas.