A Concellería de Alumeado consigue máis de tres millóns de euros dos fondos europeos FEDER

A concellería de Vías, Obras e Alumeado consigue o respaldo da Unión Europea para a renovación total das instalacións do alumeado exterior

Ponteareas | A concellería de Vías, Obras e Alumeado, que dirixe Chus Garrote informa que Ponteareas consigue máis de tres millóns de euros do Instituto para Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica para a renovación total das instalacións de alumeado exterior en todo o concello.

Chus Garrote explica que novamente Ponteareas vén de conseguir o apoio e a confianza do Ministerio e de Europa que subvencionarán a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) o cambio total de todo o alumeado tanto no casco urbano como no rural.

Ponteareas conseguirá un aforro enerxético do 83% cambiando un total de 7560 luminarias e cambiando 155 cadros de mando

O IDAE aceptou as catro propostas presentadas pola Concellería de Vías, Obras e Alumeado que suman 4.160.795€ e concede a Ponteareas 3.332.635,8 euros. Chus Garrote en nome de todo o goberno do BNG-PSOE amosa a súa satisfacción por este importate apoio conseguindo nesta lexislatura que ven de comezar un respaldo económico de grande envergadura, “na primeira lexislatura conseguimos os fondos da EDUSI para comezar a construir o futuro de cambio de Ponteareas, nesta teremos o apoio para executar o cambio no alumeado exterior na totalidade do concello o que supón a mellora da seguridade vial ao aumentar a visibilidade, un aforro enerxético importante e contribuiremos na redución de CO2 camiñando sempre baixo a estratexia “Ponteareas, hábitat saudable” tamén financiada con fondos FEDER”.

Ponteareas pasará a unha economía baixa en carbono co cambio do alumedo que se executará en catro fases para as que o IDAE aportará 2.703.355 euros para afrontar o cambio no rural e 629.280,80 euros para o centro urbano.

No núcleo urbano actuará en 1301 puntos de luz substituíndo as actuais luminarias provistas con lámpadas de baixo consumo, haloxenuro, mercurio e sodio por luminarias LED máis eficientes, e actualizando 28 cadros de mando para adaptalos á normativa vixente. Con esta actuación diminuirase a potencia de 170,35kW a 67,31kW e conseguirase un aforro enerxético do 83,10%.

No rural actuarase en 6.259 puntos de luz, en 127 cadros de mando e conseguirase un aforro enerxético dun 83%, dando cumprimento aos compromisos adquiridos coa veciñanza.

Pola súa banda o concello terá que aportar preto dun millón de euros para completar o financiamento destes proxectos.

Chus Garrote engade que nos vindeiros meses comezarán a redacción dos proxectos e traballarán de xeito transversal con todas as concellerías para executar obras planificadas capaces de dar un servizo óptimo no futuro e que teñan sempre en conta as suxestións e necesidades trasladadas pola veciñanza a través de reunións, achegas ou procesos participativos.