Zona Franca vende a Borgwarner Emissions System Spain dúas parcelas en Porto do Molle

Cun investimento de 12 M€ para o seu centro de investigación sobre mobilidade do futuro

Vigo | A Zona Franca de Vigo formalizou hoxe a escritura de venda de dúas parcelas en Porto do Molle, a Borgwarner Emissions System Spain que construirá alí o seu centro de desenvolvemento. Trátase de dúas parcelas na área Tecnolóxica do parque empresarial de Nigrán cunha superficie de 8.527 metros cadrados e por un prezo de compra de 1,17 millóns de euros.

A parcela está destinada a Ia construción do eMobility Advanced Research Center de Borgwarner Emissions Systems Spain, enfocado na investigación de tecnoloxías avanzadas para a mobilidade do futuro, estando subvencionado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación na convocatoria de axudas para a creación de novos centros de investigación empresarial.

Para a realización desta actividade de investigación, as instalacións contarán con espazos de oficinas e zonas de laboratorios, así como outras dotacións enfocadas á actividade científica e de divulgación.

A compañía Borgwarner leva xa uns anos instalada no centro de negocios de Porto do Molle e Zona Franca foi acompañando o seu importante crecemento todo este tempo. Agora Borgwarner dá un salto cualitativo ao construír un edificio propio, onde albergarán a persoal da máis alta cualificación e compartirán a súa experiencia con centros tecnolóxicos e a universidade.

A empresa estima un investimento inicial para o proxecto de 12 millóns de euros, para a adquisición das parcelas e a fase 1 de edificación, que contará con espazos de oficinas e zonas de laboratorios, así como outras dotacións enfocadas á actividade científica e de divulgación. Este investimento inicial verase incrementada mediante dotacións de equipamento por valor de aproximadamente 8 millóns de euros ao longo da posta en marcha e operación do centro.

Cunha capacidade inicial de 150 postos de investigación, espérase que o eMobility Advanced Research Center conte con 70 profesionais nos 5 primeiros anos de funcionamento, dos cales 40 serán novas contratacións e o resto serán transferencia de persoal investigador actual reconvertido do ámbito de vehículos de combustión ao da mobilidade eléctrica.

Os perfís que formarán parte do eMobility Advanced Reseach Center serán na súa práctica totalidade altamente cualificados (PhD, Master, Grade) en especialidades de Electrónica, Telecomunicacións, Informática, Mecatrónica, Física e Matemáticas, entre outras. A estes perfís poderalles dar apoio persoal auxiliar, mantendo unha porcentaxe de alta cualificación por encima do 95%.

O eMobility Advanced Research Center créase como unha entidade aberta que poida colaborar con diferentes organizacións, tales como universidades, asociacións, plataformas tecnolóxicas, centros tecnolóxicos, empresas, así como tamén coa administración pública, co fin de promover proxectos piloto e novas iniciativas conxuntas de investigación. Ademais, a empresa pretende que o centro constitúa un punto de referencia para a realización de actividades de difusión, eventos, showrooms ou xornadas informativas nos ámbitos relacionados coa mobilidade do futuro.