Zona Franca e Cámara de Comercio potencian a promoción exterior das pemes

Convenio para consolidar os departamentos de comercio exterior

Vigo | A provincia de Pontevedra é a quinta que máis exporta de España e a que máis crece en vendas ao exterior. Co obxectivo de axudar a consolidar ese posto, Zona Franca de Vigo e Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía asinaron hoxe un convenio que permita ás pemes consolidar os seus departamentos de comercio exterior, abrir mercados ou aumentar vendas noutros mercados.

O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, asegurou que “axudar no crecemento da internacionalización das empresas é un dos obxectivos do Consorcio, co que busca crear emprego e apoiar a economía da área, que sabe moito de exportar e de buscar novos mercados.

Entre as nosas actividades, teñen especial relevancia as relacionadas co fomento do comercio internacional e, en xeral, da internacionalización das empresas”. David Regades destacou ademais que “a nosa colaboración coa Cámara de Comercio neste campo xa é tradicional”.

O presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, José García Costas, engadiu que “este convenio vén destacar, unha vez máis o compromiso do Consorcio da Zona Franca coa internacionalización das empresas, e a mellora na competitividade da economía de Vigo e a súa Área”.

En concreto, Zona Franca e Cámara colaborarán no apoio dunha misión inversa aproveitando a celebración de Conxemar e outra misión inversa de subcontratación industrial. Ambas están dirixidas a pemes galegas exportadoras, que busquen consolidar os seus departamentos de comercio exterior, abrir mercados no exterior ou utilizar calquera dos instrumentos contemplados como ferramenta para aumentar ou consolidar as súas vendas no mercado en cuestión.

A misión inversa de importadores de produtos do mar durante a celebración de Conxemar consistirá en convidar a uns 10 importadores, interesados en comprar produtos do mar conxelados de Galicia, a asistir a visitar a feira e reunirse con empresas.

Para iso organizarase un programa detallado de reunións nun lugar do recinto feiral. A acción estará orientada a pemes galegas e unhas 30 empresas participarán nesta acción o próximo outubro. O cuanto á misión inversa de importadores de subcontratación industrial consiste en convidar a 10 importadores, interesados en comprar produtos de subcontratación industrial de Galicia, e reunirse con empresas galegas do sector.

Para iso organizarase un programa de reunións nas instalacións da Cámara de Comercio e do Consorcio da Zona Franca o próximo mes de novembro. Unhas 25 pemes galegas participarán nesta acción. A selección das empresas participantes será por orde de chegada das solicitudes ata esgotar as prazas dispoñibles, a condición de que se responda ás necesidades demandadas polos compradores.